O Concello de Bueu constrúe un novo foso na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira

Publicado por o día 22/01/2021 na sección de Bueu,Galicia

O Concello de Bueu constrúe un novo foso na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira

O Concello de Bueu promove a construción dun novo foso na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira, que servirá para a súa utilización por parte do Club do Mar Bueu – Teccarsa. Os traballos estaos acometendo a empresa Iraqua Piscinas e contan cun orzamento que supera os 20.000 euros, e que se financian con cargo a fondos municipais.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou este venres a nave, xunto aos concelleiros Xosé Leal e Alberto Moital co fin de ver o avance destas obras que inclúen a construción de dous vasos de 10,90 metros de longo e 2,5 metros de largo, cunha profundidade de 90 centímetros, nas que os remeiros e remeiras poderán adestrar. Esta instalación situarase na entrada da nave e substituirá as actuais, que se atopan en mal estado.

A actuación enmárcase dentro do plan de mellora das instalacións deportivas proxectado polo goberno local. Así, nos últimos anos neste espazo acometeuse a substitución da cuberta, a rehabilitación dos muros perimetrais exteriores, a reforma da fachada da nave, a construción dun módulo de vestiarios masculinos, a renovación do ximnasio, e a mellora da accesibilidade ás praias de Petís e Pescadoira.

A Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira sitúase nas inmediacións da praia de Pescadoira. No pasado era unha cetárea, que foi rehabilitada para o seu uso por parte do Club do Mar Bueu – Teccarsa e da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos, logo de que o Concello recibise a concesión administrativa do Ministerio de Agricultura durante un período de 20 anos prorrogables.

Comentar noticia

Your email address will not be published.