O Concello de Bueu mellorará a accesibilidade no Pavillón Municipal coa colocación dunha pasarela

A actuación farase con cargo a unha subvención da Xunta de Galicia para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais
Por o 11/02/2019 | Sección: Bueu,Galicia
O Concello de Bueu mellorará a accesibilidade no Pavillón Municipal coa colocación dunha pasarela

O Concello de Bueu vén de solicitar unha subvención da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia para mellorar a accesibilidade no Pavillón Municipal Pablo Herbello. A actuación, cun proxecto orzamentado en 28.200 €, permitirá a construción dunha pasarela que unirá o baixo co primeiro andar, a fin de que as persoas con dificultades de mobilidade poidan acceder a calquera evento deportivo.

A actuación consiste na colocación dunha pasarela dende a intersección de Staffan Mörling e a rúa A Pedra e vai ter un tramo exterior e outro interior. Segundo o proxecto, elaborado polo arquitecto municipal, a pasarela exterior abarcaría unha superficie de 35 metros cadrados, e a interior, 29,4 metros cadrados.

A pasarela será metálica e colocarase en voladizo e anclada á estrutura vertical da nave existente, repartida en dúas metades. Así, a parte exterior irá inclinada desde a rasante da rúa de A Pedra ata as gradas superiores, e a parte interior discorrerá horizontalmente desde o centro da nave ata o graderío.

Últimas obras no pavillón

O Pavillón Municipal Pablo Herbello viuse renovado coas actuacións que se levaron a cabo nos últimos anos. Así, por exemplo, mellorouse a instalación de auga quente e fría nos seus vestiarios, elimináronse as filtracións no interior do pavillón, construíuse un almacén, instalouse unha caldeira de pellets que permitiu un aforro enerxético de preto do 40%, colocáronse novos asentos no graderío, e substituíronse as luminarias por outras de tipo LED.

Comentar noticia

Your email address will not be published.