O Concello de Bueu organiza este domingo a Freguifesta de Ons

A homenaxe pola adicación ás festas recaerá en Manuel Ferradás Reiriz e Áurea Reiriz Otero
Publicado por o día 22/08/2019 na sección de Bueu,Galicia

O Concello de Bueu organiza este domingo a Freguifesta de Ons

O Concello de Bueu continúa co programa das freguifestas e celebra o domingo, 25 de agosto, este evento na Illa de Ons, coincidindo coa efeméride de San Xaquín, patrón deste espazo. Os festexos comezarán ás 11 da mañá coa ruada illense dende o Curro ata Chan da Pólvora, da man do Cuarteto Trébede. Kike Estévez e Bieito Lobariñas continuarán cunha regueifada no Curro, unha actividade coa que se pretende recuperar esta tradición que identificaba as festas galegas no pasado.

Ás 13.00 h, o grupo cangués Trébede ofrecerá unha actuación ateigada de música e baile tradicional, e a continuación Manuel Ferradás Reiriz e Áurea Reiriz Otero recibirán unha homenaxe pola súa adicación ás festas.

Xa pola tarde, a partir das 16 h, o Cuarteto Trébede seguirá coa ruada desde Canexol ata o Curro. E como en todas as freguifestas, non faltará a maxia da man de “Peter Punk Pallaso” e o seu espectáculo “Chungo que te cagas”. Os festexos rematarán coa actuación de Pandereteiras Trébede e Mosas do Hío, que se poderán ver a partir das 18 horas.

Da man da veciñanza…

A veciñanza da Illa de Ons tamén quere render homenaxe ao seu patrón e por iso teñen preparados diversos eventos. Así, o sábado 24 actuará ás 22 h o showman Pedro Campos, e o domingo, os grupos “A cabeza non para” e o “Quinteto Mariachis” levarán a música máis festeira polo chiringo e os bares. Os oficios relixiosos por San Xaquín e Santa Ana terán lugar ás 13 horas.