O Concello de Cabana promociona o patrimonio na zona máis ameazada polo proxecto eólico Mouriños

Se o plan eólico de Naturgy chega a sair adiante, as únicas Perseidas que poderán observarse en próximas edicións da “Ruta das Estrelas” dende o Alto de A Fernandiña serán un conxunto de xigantescos aeroxeneradores que triplican a altura da Torre de Hércules da Coruña.
Publicado por o día 10/08/2018 na sección de Eventos

O Concello de Cabana promociona o patrimonio na zona máis ameazada polo proxecto eólico Mouriños

Parece unha broma pesada que os afíns ao alcalde de Cabana José Muíño pretendan impoñer a súa xestión como basada na protección do patrimonio cultural cando este proxecto eólico, para o que o rexeder deu todos os permisos, pode afectar sen remedio a dous bens arqueolóxicos catalogados de primeira orde, como son o Castelo de Borneiro e a Mámoa do Pico de Sinde.

Debido á importancia dos xacementos, GA15014003 (pertencente á Idade do Hierro con posterior ocupación medieval) e GA15014046 (Neolítico), aínda tendo en conta o correspondente balizado, o pretendido control dos movementos de terras e mesmo a hipotética inspección dos perfís das gabias abertas para as liñas de interconexión subterráneas, hai un inevitable impacto derivado do establecemento das vías de acceso unha vez finalizadas, que é o incremento de accesibilidade para o común do público e o consecuente tránsito de vehículos a motor, algo que no caso da Mámoa do Pico de Sinde é especialmente preocupante.

A isto hai que sumar o impacto da liña de evacuación eléctrica do outro parque eólico que Naturgy que chega desde Laxe, o Pena Forcada-Catasol II, pois a promotora recoñeceu na documentación ambiental presentada a consulta pública que o tendido será “altamente visible” en máis de 75% do trazado desde o Alto da Fernandiña, e afectará a tres comarcas de alto valor paisaxístico (Costa da Morte, Terra de Soneira e Bergantiños) comprendidas dentro da Gran Área Paisaxística de “Chairas e Fosas Occidentais“.
Tendo en conta ademáis o formigonado do acceso inferior ao Castro de Borneiro permitido sen maiores problemas polo consistorio e a utilización interesada que unha e outra vez se repite no Dolmen de Dombate, orixe do percorrido hoxe ás 22:00 horas, máis que unha “Ruta das Estrelas” en defensa do patrimonio natural e cultural, a proposta municipal semella máis ben terse convertido nunha “ruta estrellada“.