O Concello de Córdoba importará o ‘Plan Revitaliza’ por ser “directamente exportable a calquera cidade do país”

A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera recibiron hoxe a unha delegación da empresa pública SADECO

O Concello de Córdoba importará o Plan Revitaliza da Deputación. Así o manifestaron hoxe os representantes dunha delegación da empresa pública de residuos do municipio andaluz (SADECO) despois de dúas xornadas de traballo nas que coñeceron o plantexamento básico do plan provincial de compostaxe e visitaron varios centros de compostaxe comunitaria en distintos concellos da provincia.

Na expedición que hoxe recibiron oficialmente a presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera estiveron -entre outros- o xerente de Sadeco, Javier Quijada, o director de operacións, Juan Revilla, e o director de coordinación operativa Jesús Diz. Explicaron que a empresa pública presta en Córdoba o servizo de recollida e tratamento de residuos ademais da limpeza viaria, e subliñaron que xa dende hai máis de vinte anos traballan na recollida da materia orgánica no municipio de Córdoba.

“Aos nosos cidadáns dicímoslle que fagan a separación da materia orgánica en orixe, por iso iniciativas como a do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, que avanzan nun paso máis no tratamento da orgánica onde realmente se orixina, que se composte in situ, e se transforme en algo útil para a cidadanía no mesmo sitio onde se produce, resúltannos tremendamente interesantes”, subliñou Quijada.

Os técnicos cordobeses subliñaron que coñeceron o Plan Revitaliza hai un ano nunhas xornadas de economía circular en Madrid onde estivo de relatora a funcionaria da Deputación María Martínez Abraldes. Destacaron que xa entón o plan lles pareceu moi interesante porque compartir reflexións e conceptos teóricos, polo que decidiron viaxar ata Pontevedra para resolver dúbidas e visitar persoalmente os centros de compostaxe, “e sobre todo para ilusionarnos nestes momentos con facer cousas novas que benefician aos nosos cidadáns”, dixo Quijada.

O xerente de Sadeco cualificou como “magnífico” e moi dificil de levar a cabo o plantexamento do Plan Revitaliza de apostar polo tratamento en proximidade dos biorresidos, polo que manifestou a súa sorpresa polo alto grao de implantación e a valentía do equipo de goberno para levalo adiante.

“Vimos in situ que é posible e iso danos moita alegría”, subliñaron, para engadir que o modelo Revitaliza é exportable a Córdoba porque todos os territorios teñen cuestións en común. Destacaron que Córdoba ten unha grande cidade compacta e un territorio disperso, xa que é o cuarto municipio máis grande de España con 1.200 quilómetros cadrados e poboación en todo o municipio: “O modelo é perfectamente exportable. E non só iso. Aquí fíxose algo que para nós é sorprendente, que é levar o concepto á propia cidade e non só aos elementos dispersos. Aquí vimos composteiros comunitarios no medio de Pontevedra. Iso é directamente exportable a calquera cidade do país”, finalizou Quijada.

Liña de colaboración aberta

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera agradeceu as palabras dos representantes cordobeses e sinalou que para a equipa do Revitaliza a visita do persoal técnico de Córdoba “foi especial”, fronte ás moitas que se levan recibido doutras partes do Estado español, porque Pontevedra leva aprendido moito do modelo modelo andaluz.

O vicepresidente lembrou que Córdoba foi unha cidade pioneira da que a Deputación contaba con moita información, xa que é das poucas cidades do Estado que está en condicións de cumprir os obxectivos da Unión Europea de preparar para reciclar o 50% dos residuos e separa a fracción orgánica dende hai anos. Como diferencia, Mosquera destacou que a Deputación de Pontevedra apostou pola liña da compostaxe in situ que alá precisamente non desenvolveron “probablemente por non dar coas persoas ou co coñecemento para facelo”. “Aí imos máis avanzados e dicir que nós imos máis avanzados que alá é un orgullo”, salientou.

A Deputación de Pontevedra ten previsto abrir unha liña de colaboración co Concello cordobés e enviará mestras e mestres composteiros ou persoal técnico para asesoramento, ademais de planificar algunha posible visita institucional.  Como contrapartida, solicitarase información e datos da reciclaxe das outras fraccións do lixo diferentes ás dos biorresiduos, algo no que Córdoba é pioneira tamén. “O intercambio de coñecemento é a vía para evitar erros e sacar as cousas adiante con solvencia”, finalizou o vicepresidente.

Por último, a presidenta da Deputación tamén manifestou o seu orgullo polo feito de recibir “expertos cunha traxectoria como a súa que digan que lles parece un milagre que en soamente tres anos e medio se puidera avanzar tanto na compostaxe, que digan que somos a referencia non só española senón europea de compostaxe in situ, e que plantexen que van optimistas, felices e ilusionados para transmitir aos que deben ter a vontade política a necesidade de implementar un proxecto semellante en Córdoba”.

Silva pechou a súa intervención asegurando que a reunión de hoxe foi un encontro de aprendizaxe e de reafirmarse en que “transformar a sociedade -tal e como o estamos facendo co noso modelo de residuos- é o único valor que ten a política”.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM