O Concello de Lalín abre o prazo para solicitar as bonificación do 95% no IBI das explotacións agrarias

Os propietarios de naves agrarias en activo teñen ata o 31 de marzo de prazo para solicitar as deducións
Publicado por o día 03/01/2019 na sección de Galicia,Lalín

O Concello de Lalín abre o prazo para solicitar as bonificación do 95% no IBI das explotacións agrarias

O Concello de Lalín mantén aberto o prazo para rexistrar as solicitudes  para acollerse ás bonificacións do 95% da cota íntegra do IBI en bens inmobles de uso principal agrario. Esta medida foi impulsada polo Goberno local o pasado ano logo de coñecerse que a revisión catastral impulsada polo ministerio de Facenda obrigaría a tributar ás explotacións agrogandeiras. Así, tal e como informan os concelleiros titulares de Facenda, Teresa Varela e Francisco Vilariño, tras entrar un novo ano e manterse en vigor a ordenanza fiscal, os propietarios de naves agrarias en activo teñen ata o 31 de marzo de prazo para solicitar as deducións. Como lembra Vilariño e Varela, esta bonificación ten carácter rogado e deberá solicitarse no Concello mediante o modelo normalizado do que farán entrega os servizos muinicipais. Así mesmo, os concelleiros fixeron fincapé en que as granxas que xa foron bonificadas o ano pasado non terán que volver realizar a solicitude, xa que a dedución do 95% no IBI se lle aplicará de oficio nos exercicios sucesivos ata que se modifique ou derogue a actual ordenanza fiscal do imposto sobre bens inmobles. O Goberno incluíu esta cláusula na ordenza para evitar que os produtores teñan que realizar cada ano a solicitude.

Así, os gandeiros e gandeiras que desexen acollerse a esta medida deberán achegarse á oficina de información catastral sita no andar baixo do concello de Lalín, onde lles será entregado un modelo de instancia que deberán cubrir e onde expoñerán os datos do inmoble sobre o que desexan a bonificación. Ademais, os interesados deberán entregar unha copia do DNI/CIF do titular catastral, a consulta descritiva e gráfica do ben inmoble obxecto da solicitude, así como unha copia do último recibo do IBI do ben inmoble a bonificar, ou no caso de non dispor do mesmo, datos informativos do padrón do IBI de rústica ou urbana no que se amose o ben a bonificar e . Unha vez rexistradas as solicitudes de bonificación, serán valoradas polos técnicos de información catastral e, no caso de adaptarse ás condicións da ordenanza, serán levadas a Pleno para a súa aprobación definitiva.

Como establece a propia lei de catastro, as bonificacións só poden aplicarse a explotacións situadas en terreo declarado rústico, pois a normativa non permite que se realicen estas bonificacións en terreo cualificado como urbano e sendo imprescindible que nas resolucións os bens veñan descritos como de uso principal agrario. Aínda así, explican os concelleiros, “as propiedades en urbano non quedarán exentas de bonificación, xa que na ordenanza municipal teñen contemplada unha dedución xeral do 60%, aprobada polo Goberno local, de modo que na práctica, os establos situados en núcleo tamén se ven bonificados”.

Francisco Vilariño e Teresa Varela sinalaron que coa finalidade de chagar a todas e todos os gandeiros, se colocarán bandos informativos nas parroquias avisando da apertura do prazo por reclamar as bonificacións. Neste sentido e con respecto á falsa falta de información coa que o edil do PP, Manuel Fernández, acusou o ano pasado ao Goberno con respecto a esta cuestión, Francisco Vilariño dixo que nesta ocasión persoalmente remitiría ao domicilio do edil popular en carta certificada o bando informativo “para que así non teña nin a máis mínima escusa pola súa incapacidade política para logo dicir que non se decatou” e lembrando como o pasado ano “de xeito lamentable e ridículo este concelleiro, gandeiro e presidente de dúas cooperativas afirmara non terse enterado dos prazos a pesar de estar no Pleno da corporación na que se aproba a medida co seu propio voto a favor e as súas intervencións”.

A necesidade de activar as bonificacións, lembran os concelleiros, “é froito dun proceso de regularización catastral impulsado polo Goberno do PP de Rajoy en Madrid do que nos posicionamos totalmente en contra por non adaptarse á nosa realidade e por ser posto en marcha con exclusivo afán recadatorio”. Por iso, explican, “dende o Goberno de Lalín nos vimos na obriga de tomar iniciativas políticas de xeito pioneiro para paliar na medida do posible os efectos desastrosos que para o peto dos gandeiros e gandeiras tería este proceso e activando amplas bonificacións para que un sector tan importante para o tecido socio-económico no noso concello como é o agrario non se vexa tan prexudicado por esta cuestión”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.