O Concello de Lalín activará unha campaña de sensibilización sobre as consecuencias do mal uso de puríns entre o sector agrogandeiro do municipio

O Goberno oganizará reunións informativascon cooperativas e sindicatos para informar dos riscos para a saúde e o medio ambiente que pode conlevar o mal uso deste tipo de fertilizantes
Publicado por o día 24/01/2019 na sección de Galicia,Lalín

O Concello de Lalín activará unha campaña de sensibilización sobre as consecuencias do mal uso de puríns entre o sector agrogandeiro do municipio

O concelleiro de Actividade Agraria, Nicolás González Casares, e a conceleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, anunciaron esta mañá que Concello de Lalín vai poñer en marcha nas vindeiras semanas unha campaña de sensibilización sobre o correcto uso dos puríns e sobre as consecuencias que a súa mala aplicación pode ter para a saúde das persoas e o medio ambiente. Esta iniciativa está dirixida a agricultores e gandeiros do municipio, aos que se vai convocar nos vindeiros días a unha serie de reunións informativas a través de cooperativas e sindicatos. Casares e Alonso explican que a decisión de activar esta campaña adoptouse á vistas dos problemas que as filtracións e vertidos de puríns están a ocasionar na calidade do servizo de auga, tanto no da traída como no que abastece ás diferentes públicas do municipio, nalgunhas das cales se constatou recentemente a presenza de coliformes por riba dos niveis recomendables. “Trátase”, como explican aos edís, “de acudir á raíz do problema para que reducir á mínima expresión este tipo de episodios, polos riscos sanitarios que pode acarrear”.

Para incidir nesta liña, ademais das reunións sobre a cuestión con representantes do sector, o Concello de lalín tamén ten previsto elaborar folletos informativos nos que se recollan as principais recomendacións de uso dos xurros ao obxecto de garantir a súa correcta aplicación e as debidas precaucións para evitar a súa filtracións aos acuíferos próximos. Ao mesmo tempo tamén se advertirá dos posibles danos que unha mala praxe  pode conlevar para a saúde das persoas, así como as repercusións legais que podería implicar unha actuación non axustada á normativa. O tenete de alcalde e a concelleira de Medio Ambiente indican que, deste xeito, avanzarase na necesaria concienciación do sector agrogandeiro sobre os posibles riscos da manipulación e  utilización deste tipo de fertilizantes orgánicos.

Por outra banda, e de maneira paralela, Nicolás González Casares e Celia Alonso tamén anunciaron que o Concello vai incrementar o control das augas de consumo público para minimizar as consecuencias da afección dos puríns na súa calidade. “Detectamos esta situación”, informan os edís, “grazas ás rigorosas, exhaustivas e periódicas análises que se relalizan na rede de abastecemento municipal, pero en calquera caso ese control pode incrementarse agora por medio de sistemas máis avanzados”. Nesta liña, os representantes municipais indican que xa se está a traballar para que no novo contrato da xestión da auga se inclúan as medidas necesarias para adaptar eses controis á novas posibilidades que ofrece á tecnoloxía. Así, o prego para sacar a concurso a concesión xa contemplará a aplicación de elementos de sensorización e análise que propiciarán un seguimento máis preciso e case en tempo real, non só da calidade da auga senón tamén do estado dos tanques de abastecemento ou do seu consumo. Son cuestións que non se incluíron no anterior prego, porque é de hai vinte anos e aínda non existían estas posibilidades, pero que agora resulta necesario implementar para controlar os niveis de contaminación na rede de abstecemento, así como os niveis de abastecemento e consumo, de cara a racionalizar o seu uso e garantir a súa plena salubridade.