O Concello de Lalín adxudica a posta en servizo do proxecto Smart City

A iniciativa será desenvolvida por Vodafone España por un importe de 223.257 euros,sendo esta a oferta mellor valorada dentro do concurso público de contratación
Publicado por o día 16/01/2019 na sección de Galicia,Lalín

O Concello de Lalín adxudica a posta en servizo do proxecto Smart City

O Concello de Lalín continúa avanzando a grandes pasos no desenvolvemento da estratexia cofinanciada  nun 80% por fondos FEDER mediante o POCS 2014-2020, Lalín Ssuma 21. No día de hoxe, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, presentou o primeiro contrato do Obxetivo Temático numero 2 deste programa, que aglutina os proxectos de carácter tecnolóxico. Trátase, concretamente, da adxudicación dun contrato mixto de subministración e obra para a posta en servizo e explotación dunha solución integral Smart City, a través da que se dará un salto moi importante na modernización tecnolóxica de Lalín. O proxecto foille finalmente adxudicado a Vodafone España por un importe de 223.257 euros, sendo esta a oferta mellor valorada entre as 6 que concorreron ao concurso aberto de contratación.

Casares compareceu, precisamente, acompañado do director territorial de administracións públicas de Vodafone España, Juan Manuel Navarro, e de Severino Castromar, responsable de administracións públicas desta mesma compañía, así como do técnico municipal de Informática, Alberto Viz. O tenente de alcalde lembrou que este contrato inclúe a posta en servizo de sistemas de información dixital, de control de aparcamento, redes públicas wifi de acceso gratuíto en edificios municipais e a instalación dunha “plataforma de cidade”  que funcionará como sistema central de xestión dos sistemas electrónicos anteriores. Tendo en conta as importantes prestacións recollidas neste proxecto, Casares definiu o actual contrato como “fundamental”  e destacou que Vodafone presentou ao proceso aberto de contratación a mellor oferta no plano técnico e unha proposta moi competitiva no plano económico polo que segundo os técnicos de contratación foron merecedores de gañar o concurso. O edil agradeceu a presenza en Lalín dos seus responsables tendo en conta que se trata dunha compañía de referencia a nivel nacional, que mellorou no concurso ofertas de outras entidades  de enorme peso no sector como Telefónica, Wellness Telecom ou NEC Ibérica, polo que, segundo afirmou, “isto tamén é unha garantía para o Concello de boa execución e bo seguimento do proxecto”. O tenente de alcalde apuntou, por último, que coa sinatura deste contrato se dá un primeiro paso moi sólido para avanzar na Smart City. Seguiremos traballando no OT2, que inclúe moitos outros proxectos, mais, engadiu, a posta en marcha da Smart City é fundamental para avanzar na estratexia Lalín Ssuma 21 e para que se constitúan os alicerces que permitan seguir desenvolvendo iniciativas de carácter tecnolóxico que marcarán o futuro, non só de Lalín, senón tamén de todas as vilas medianas e, por suposto, das grandes cidades.

Pola súa banda, Juan Manuel Navarro, mostrouse agradecido pola confianza do Concello de Lalín e pola oportunidade de participar na presentación do proxecto do que afirmou que conforma unha oportunidade magnífica para participar na transformación dixital de Lalín e da posta en marcha de ferramentas tecnolóxicas que van aportar unha importante mellora na calidade de vida dos cidadáns. Severino Castromar tamén agradeceu a confianza do Concello e destacou o esforzo importante realizado pola compañía para desenvolver a oferta máis completa posible para os diferentes ámbitos de actuación. Castromar fixo mención especial ao que se pode considerar a pedra angular do proxecto Smart City de Lalín, que é a plataforma de cidade e que permitirá manexar as verticais definidas no proxecto tales como as redes de wifi abertas e públicas, a cartelaría informativa dixital ou a regulación intelixente do estacionamento, que en conxunto terán un importante retorno aos cidadáns na mellora das prestacións públicas e na súa calidade de vida, que poderán segundo afirmou, sentirse orgullosos de de vivir nunha vila que vai estar na vangarda tecnolóxica.

Manuel Rivero

González Casares aproveitou para anunciar tamén a adxudicación provisional do contrato para a redacción do proxecto e dirección facultativa de obras para o acondicionamento da zona do antigo colexio Manuel Rivero, correspondente ao OT6 (Lalín Social), da EDUSI Lalín Ssuma 21, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do POCS 2014-2020. O edil informou de que este contrato lle foi adxudicado de maneira inicial a Donsión Proyectos SL, por un importe de 69.689 euros, sendo a oferta mellor valorada entre as 3 presentadas ao concurso aberto de contratación. Casares explicou que se trata dunha adxudicación provisional, posto que se presentaron recursos contra a valoración técnica por parte das outras entidades que están en proceso de ser resoltas polos órganos de contratación. Este proxecto é un dos máis ambiciosos dos contemplados na estratexia Lalín Ssuma 21 e permitirá a rexeneración urbana do barrio onde se asenta o vello colexio Manuel Rivero, mediante a construción dun albergue, unha praza, a mellora de vivendas ou a humanización de rúas.

Alumeado Cortizo

Por último, o tenente de alcalde anunciou tamén a adxudicación do proxecto de mellora e renovación do sistema de alumeado do estadio Manuel Anxo Cortizo, que tamén se inclúe na EDUSI Lalín Ssuma 21, dentro do OT4 que aglutina os proxectos para a mellora da eficiencia enerxética das instalacións deportivas. Esta iniciativa foille adxudica provisionalmente á empresa Solarel SL, por un importe de 157.146 euros, sendo esta a oferta mellor valorada entre as 7 que concorreron ao concurso aberto de contratación. O proxecto consistirá na substitución do actual sistema de alumeado que dá servizo aos diferentes campos do Cortizo por unha nova modalidade de iluminación con control intelixente e baseado na tecnoloxía LED, que permitirá corrixir os problemas de luz desta instalación, mellorando a luminosidade e, ao mesmo tempo, proporcionando aforro enerxético, económico e unha mellora ambiental debido á redución do consumo e, polo tanto, das emisións de gases contaminantes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.