O Concello de Lalín vai poñer en marcha unha importante actuación no centro de equitación de Mouriscade, onde imparte a súa actividade o Club Hípico Juan Oliveira. Concretamente e, tal e como informou o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, que hoxe visitou as instalacións, vaise proceder á construción dun peche perimetral da pista cuberta de prácticas de equitación que é moi utilizada polos usuarios do centros. Esta obra é moi necesaria e demandada dende o club, xa que a pesar de ser unha pista cuberta, a falta dunha protección lateral provocaba en días de chuvia a entrada de abundante auga , impedindo o seu uso. O edil cualificou esta actuación como unha reivindicación histórica do centro á que o Goberno de Lalín vai agora dar resposta. A entrada de auga ao recinto por carecer dunha cuberta lateral -explicou Vilariño- provocaba que durante o inverno quedase completamente inhabilitada de modo que en moitas ocasións o club se vía na obriga de suspender as clases co prexuizo conseguinte para os alumnos e alumnas. Coa obra -engadiu- garantimos que unha das pistas esta sempre en condicións para poder impartir as actividades. O proxecto tamén inclúe a construción do denominado “gardabotas”, un elemento de protección que se realiza nun material acolchado e se colocará cubrindo ata 1,30 metros de altura en todo o perímetro do peche e que sirve para evitar que os cabalos se acerquen ao muro de formigón trabando contra o mesmo a perna dos xinetes.
O Concello de Lalín conta cun orzamento de 28.680 euros para a execución desta intervención, que se realizará con cargo á liña 1 Plan de Concellos de Concellos da Deputación de Pontevedra. En canto ás actuacións construtivas propostas para a construción do muro -que cubrirá dende o chan ata o teito- primeiramente será necesario escavar as correspondentes zanxas para a súa cimentación. A parede construírase despois en bloque oco de formigón prefabricado de árido denso con columnas intermedias e con remate superior en viga. Tamén se realizará un enfoscado maestreado e fratasado de parámetros verticais en bloque, con espesor de 15 mm e realizado en morteiro. O acabado executarase mediante a aplicación de pintura plástica apta para exteriores.
Francisco Vilariño insistiu na importancia desta actuación que permitirá, dunha vez por todas, dar solución á unha das principais demandas do centro hípico. O concelleiro destacou tamén a aposta realizada por parte do Concello de Lalín por estas instalación que son utilizadas por multitude de afeccionados á equitación e tamén por moitos nenos e nenas que acoden a clases desta práctica deportiva e que agora, a pesar da chuvia, sempre terán garantido un espazo adecuado para desenvolver as súas actividades.
Noticias de última hora en Vigo