O Concello de Lalín realiza xestións para confirmarlle á Xunta a dispoñibilidade dos terreos necesarios para o novo centro sanitario

Por o 19/09/2018 | Sección: Galicia
O Concello de Lalín realiza xestións para confirmarlle á Xunta a dispoñibilidade dos terreos necesarios para o novo centro sanitario

O Goberno municipal informa de que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade remitiu ao Concello de Lalín unha comunicación na que se indica que “se está a traballar nos orzamentos deste organismo para o ano 2019” polo que, “coa finalidade de poder reservar os créditos necesarios para a construción dun novo centro de saúde en Lalín, se solicita a confirmación da dispoñibilidade dos terreos necesarios para tal fin”.

Así, tras a recepción do documento o pasado día 7 no rexistro municipal, os servizos de secretaría do Concello comezaron a traballar nos trámites necesarios tanto co Rexistro da Propiedade como coa dirección de Catastro para a inscrición das diferentes parcelas de propiedade municipal situadas no Alto de Vales como unha parcela única tal e como solicitaba a Consellería e, deste xeito, confirmarlle á Xunta a dispoñibilidade dos terreos axeitados. O Concello está pendente da resolución favorable do Rexistro da Propiedade para remitirlle a confirmación á Xunta coa maior brevidade.

O Goberno municipal insiste en que a vontade do Concello de Lalín é clara  para poñer en marcha de maneira inmediata os mecanismos necesarios para a execución do novo centro de saúde. Nesta liña explica o executivo que se vai facilitar e se van axilizar todo o posible os trámites que pide Sanidade a pesar de que existen puntos no borrador de convenio de cooperación remitido ao Concello tales como que o Concello se faga cargo de aspectos como a construción dun aparcadoiro que aínda provocan serias reticencias polo elevado custe para as arcas municipais que isto suporía. O Goberno tamén lembra que seguen existindo aspectos que o Concello non pode asumir mentres non existan garantías por parte da Xunta para a construción do novo centro sanitario.

Comentar noticia

Your email address will not be published.