O Concello de Lalín recibe 8 ofertas para o proxecto de abastecemento dos lugares de Caceme, Igrexa e Casas Novas

Con este proxecto dáselle estrito cumprimento aos firmes compromisos adquiridos nos últimos meses coa veciñanza de Goiás
Por o 10/05/2018 | Sección: Galicia
O Concello de Lalín recibe 8 ofertas para o proxecto de abastecemento dos lugares de Caceme, Igrexa e Casas Novas

Continúan as mesas de contratación no Concello de Lalín. Onte pola mañá tivo lugar – presida polo tenente de alcalde, Nicolás González Casares – a apertura de ofertas empresarias para levar a traída de auga aos lugares de Cáceme, Igrexa e Casas Novas, na parroquia de Goiás. Finalmente rexistráronse un total de 8 ofertas nun procedemento de contratación levado a cabo mediante a modalidade negociada. O proxecto conta cun orzamento de execución de preto de 60 mil euros e agárdase que tras os diferentes trámites administrativos e prazos obrigatorias poida estar adxudicado no prazo aproximado dun mes.

O concelleiro de Rural, Miguel Medela, explicou que con este proxecto dáselle estrito cumprimento aos firmes compromisos adquiridos nos últimos meses coa veciñanza de Goiás, os lugares de Cáceme e A Igrexa dispoñen de abastecemento veciñal, que resulta deficitario nos meses de agosto, setembro e outubro, debido á escaseza de choivas e ao conseguinte descenso do nivel freático. Esta circunstancia chega a producir un servizo de abastecemento de auga intermitente nas horas de maior consumo. Por outra banda, tamén cómpre ter en conta que nestes lugares -e en maior número no lugar da Igrexa- construíronse unha serie de vivendas posteriores á implantación da traída veciñal que non teñen abastecemento colectivo, o que na actualidade se resolve de forma autónoma con pozos que poden posuír algún grao de contaminación ou asumen riscos de contaminarse.

Para solucionar esta situación, e dar resposta ás demandas dos habitantes, está previsto que para levar a traída a Cáceme se estableza unha rede lineal ao longo da pista que vai de Pareizo á estrada nacional 640, que discorrerá tamén pola propia pista de acceso a Cáceme e que conectará coa rede municipal no lugar de Reboira. Canto ao abastecemento da Igrexa, terá conexión coa rede municipal á altura da bifurcación da pista de Casares. Terá un ramal á cooperativa de Goiás con desvío á Igrexa, ás vivendas do antigo campo da festa, e outro ramal ao longo do camiño ao depósito de auga veciñal.