Fai unha semana que comezaron as obras de acometida dun muro de contención na Porteliña, fronte á Escola Infantil, traballos que quedarán rematados no prazo dun mes. Así o informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Vías e Obras, Luis Alonso; que visitaron a obra e supervisaron os primeiros labores, consistentes na demolición do muro de formigón preexistente por medios mecánicos e de excavación en formación de vaciado, tamén por medios mecánicos, para poder a continuación proceder á construción do novo muro de mampostería.
O devandito novo muro, de 175 metros cadrados, acometerase en pedra rosa Porriño e levará un bordillo de perpiaño. Así mesmo instalaránselle 44 metros lineais de barandilla de protección en aceiro galvanizado.
O orzamento desta obra ascende a 36.396,80 euros financiados con fondos propios municipais. Inclúe un doble muro entre o que se creará unha pequena zona axardinada.
Estes traballos constitúen unha importante mellora para a zona da Porteliña, na parroquia de Petelos, xa que o anterior muro carecía dunha cimentación axeitada. E tratábanse dunha demanda veciñal que é xa unha realidade ao darlle resposta o goberno local a esta solicitude da veciñanza. Coa realización desta obra optimízase tamén a seguridade viaria, xa que pola parte superior do muro transcorre un vial.
Noticias de última hora en Vigo