O Concello de Mos pon en marcha o Plan Municipal contra a Vespa Velutina 2018

Consta de tres liñas de actuación fundamentais: información, prevención e actuación
Publicado por o día 21/03/2018 na sección de Galicia,Mos

O Concello de Mos pon en marcha o Plan Municipal contra a Vespa Velutina 2018

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente, Cándido Pérez, informaron hoxe da posta en marcha da campaña municipal anual contra a Vespa Velutina que este 2018 realízase por terceiro ano consecutivo.

Este Plan, que conta coa colaboración do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, constará de tres partes fundamentais: información, prevención e actuación. A información á poboación realizarase mediante charlas abertas e actividades informativas específicas organizadas para colectivos tales coma asociacións, empresarios, colexios, etc.


A parte de prevención consistirá na instalación de trampas para a erradicación de novos niños evitando a súa formación. Estas trampas financiaranse con fondos propios municipais pero tamén se están a tramitar posibles axudas da consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia para a adquisición de maior número de trampas e mellor equipamento para estes labores de prevención.

Finalizado o período inicial de prevención mediante a instalación de trampas, procederase á eliminación dos niños formados en activo que se vaian atopando. Daráselles prioridade de eliminación aos catalogados de risco extremo, que son os que aparecen en lugares coma as proximidades de colexios, etc.; seguidos dos que estean preto de vivendas. Para elo é moi importante a colaboración veciñal que aporte información sobre a existencia e ubicación de niños de Vespa Velutina.

Todo o Plan Municipal contra a Vespa Velutina lévase a cabo en colaboración coa Asociación de Apicultores de Mos.

A maiores, dende a administración local mosense infórmase de que tamén existe na Xunta de Galicia un servizo contra a Vespa Velutina, pero que só actúa na retirada de niños, non realiza traballos de prevención nin colocación de trampas. O servizo autonómico conta cun teléfono gratuíto, o 012, ao que se pode chamar en caso de detectar un niño para que acudan a eliminalo.

A primeira acción municipal da parte de prevención contra a Vespa Velutina deste ano levarase a cabo nas instalacións da Axencia de Colocación de Mos o vindeiro sábado 24 de marzo de 18.00 horas a 20.00 horas da tarde, e consistirá nunha charla informativa na que se explicará todo o que cómpre saber sobre a vida e comportamento desta especie, cales son os colectivos afectados polo avespón asiático, nocións sobre vixiancia e control, colocación de trampas na primavera, eliminación de niños no verán e outono e demostración de elaboración de trampas capturadoras de raíñas fundadora e atraíntes. Tamén se exporá o programa da Asociación Galega de Apicultura, entidade que impartirá a actividade, para capturar raíñas fundadoras.

O ano pasado o Concello de Mos instalou máis de 400 trampas para controlar a poboación de Vespa Velutina en Mos e reducir o número de niños.

As trampas están destinadas á regularización e captura de raíñas fundadoras deste insecto. Desta maneira trátase de reducir a poboación do mesmo menguando así o número de niños de Vespa Velutina para tranquilidade da poboación, e para evitar os custes que supón a desactivación dos devanditos niños unha vez formados, reducir os danos en cultivos fructícolas e contribuir á protección das abellas autóctonas.

As trampas colocadas en 2017 instaláronse sobre todo nas zonas potencialmente máis conflitivas como son os lugares onde había niños de Vespa Velutina, preto de árbores con flor ou que poideran ter pole ou pulgón, e de galpóns nos que se garda material apicultor. Sempre nun radio de entre 200 e 400 metros de distancia dos devanditos puntos. Reforzando sobre todo as zonas próximas a ríos e regatos, que son as máis perigosas.