O Concello de Nigrán abre ata o 10 de febreiro o prazo para presentar ofertas de aluguer de parcelas para empregar como aparcamento

Os propietarios de fincas que cumplan os requerimentos mínimos poden presentar as súas ofertas no Rexistro do Concello. Toda a documentación está colgada na sede electrónica
Publicado por o día 21/01/2020 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán abre ata o 10 de febreiro o prazo para presentar ofertas de aluguer de parcelas para empregar como aparcamento

O Concello de Nigrán abre ata o 10 de febreiro o prazo para presentar ofertas ao concurso público para adxudicar un contrato privado de arrendamento dunha parcela céntrica destinada ao estacionamento público e gratuíto de vehículos, cuestión considerada prioritaria para este goberno. Os pregos e a convocatoria están publicados na sede electrónica do Concello (http://sede.nigran.org) e os interesados poden presentar xa as súas ofertas a través do Rexistro.

Os criterios de adxudicación ponderan especialmente a baixa respecto ao prezo base de licitación (55 puntos máximo), a ubicación céntrica (30 puntos máximo) e a entrada e saída independentes (15 puntos máximo). O prego inclúe que o Concello poderá levar a cabo as obras precisas para adaptar a configuración actual da parcela á finalidade prevista e ao remate o Concello a devolverá libre de calquera edificación ou instalación sobre ela.

O obxectivo do consistorio é alugar de xeito transparente unha nova finca que sirva de alternativa ao aparcamento público da rúa Vilameán (este fora cedido de xeito gratuíto no 2013 e está inoperativo dende decembro por iniciar a propiedade obras de urbanización). As características mínimas desta parcela, segundo establece o prego, son situarse nun radio de 250 metros medidos dende o acceso ata a casa consistorial; acceso por vial público asfaltado e con iluminación pública e fronte mínima de 5 metros; topografía eminentemente chaira; solo rústico ou apto para desenvolver; superficie mínima de 2.000 m2 non sendo abonados nin empregados os metros cadrados que superen os 3.000; e, finalmente, establécese un prezo máximo de 2,58 €/metro cadrado ao ano cun máximo anual de 7.440 € (sen IVE) e cunha duración máxima de 4 anos.

“É fundamental contar con este espazo porque somos conscientes do beneficio que supón para os veciños que non viven no núcleo urbano e para o comercio e empresas da zona“, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que o aluguer dunha finca por parte dun organismo público conleva unha tramitación transparente que dé igualdade de oportunidades a tódolos propietarios interesados en concorrer. “É un procedemento que conleva uns prazos e que outorga seguridade xurídica e transparencia”, sinala.

Comentar noticia

Your email address will not be published.