O Concello de Nigrán adxudica a construcción da nova biblioteca municipal a Civis Global por importe de 1.280.000 euros

As obras comezarán despois do verán e deberán estar rematadas a mediados do 2019
Por o 31/07/2018 | Sección: Galicia,Nigrán
O Concello de Nigrán adxudica a construcción da nova biblioteca municipal a Civis Global por importe de 1.280.000 euros
Compartir en:

O Concello de Nigrán ven de adxudicar a construción da nova biblioteca municipal a Civis Global por importe de 1.280.000 € despois de saír a licitación por 1.796.681,68 € (IVE incluído) e presentarse trece ofertas, sendo a seleccionada a proposta económica máis ventaxosa. O proxecto está financiado nun 80% pola Deputación de Pontevedra a través dunha subvención destinada á mellora de equipamentos, servizos ou dotacións singulares para municipios de menos de 20.000 habitantes e o Concello asumirá o 20% restante.

“Damos un paso máis e xa definitivo para que o municipio conte o vindeiro ano cunha biblioteca acorde ás necesidades reais dun municipio de máis de 17.000 habitantes, tal e como este goberno se comprometera”, sinala o alcalde, Juan González.

Civis Global é un grupo galego con sede en Vigo dedicado á construción e servizos. Está especializada en construción de infraestruturas públicas (hidráulicas, estradas, portos) e privadas (naves industriais, edificios de oficinas), así como na rehabilitación de edificios e espazos urbanos e na prestación de servizos (abastecemento e saneamento de auga, servizos deportivos, mantemiento de campos de fútbol). A compañía emprega a 400 persoas e a súa facturación alcanza os 40 millóns de euros. En Nigrán conta con obras singulares en Porto do Molle como o Centro de Iniciativas Empresariais ou a nave de Ecoforest e a senda peonil e ciclista da PO-325.

Así, tal e como xa se anunciara, o novo edificio se plantexa nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, frente a rúa do Panasco) nun lugar fácilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construcción xenera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa a entrada por planta baixa.

O proxecto do estudio Gándara#Pons contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.
Cun deseño minimalista na que a fachada se plantexa de granito silvestre e cunha planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, consta de catro andares sen sótano. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na pranta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.