O Concello de Nigrán aproba reclamar á Xunta a titularidade de Otero Pedrayo co fin de poder emprender obras de mellora

“Se a estas alturas a Xunta di que non ten constancia da nosa petición para que arranxe Otero Pedrayo está claro que non queren oír, non valen máis excusas, estamos fartos, agora pedimos a súa titularidade para poder arranxala nos”, sinalou o alcalde, Juan González
Publicado por o día 27/01/2020 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán aproba reclamar á Xunta a titularidade de Otero Pedrayo co fin de poder emprender obras de mellora

O goberno de Nigrán aprobou no pleno ordinario de hoxe e co voto a favor do PP unha moción pedindo o cambio de titularidade da rúa Otero Pedrayo (PO-333) a favor do Concello co obxectivo de poder emprender dunha vez por todas obras de mellora neste tramo de 1,8 km que une Nigrán e Panxón. O goberno local toma esta decisión tras seis anos reclamando á Xunta unha intervención nesta estrada autonómica, que se atopa nun estado calamitoso e conta coas beiravías peor conservadas da provincia coas consecuentes denuncias da veciñanza.

“Se a estas alturas a Xunta di que non ten constancia da nosa petición para que arranxe Otero Pedrayo está claro que non queren oír, non valen máis excusas, estamos fartos, agora pedimos a súa titularidade para poder arranxala nos cos nosos cartos. A Xunta non contestou a ningunha das nosas peticións para firmar un convenio de colaboración, tampouco o inclúe nos seus orzamentos pese as nosas reiteradas emendas; a estas alturas xa temos claro que non pretende arranxar Otero Pedrayo nin sequera coas eleccións á vista”, resumiu o alcalde, quen apelou na súa moción á “responsabilidade pública” para tomar esta decisión pese a discrepar coa “inxustiza” que comete a Xunta ao non investir en asuntos da súa competencia e desoír á veciñanza de Nigrán.

“A situación é absolutamente calamitosa, cunhas beiravías esnaquizadas, cuns servizos que tanto ambientalmente como estruturalmente supoñen un gran problema para Nigrán e de novo a resposta da Xunta é de rexeitamento a calquera colaboración con Nigrán”, recolle a moción, que incide en que debe rehabilitarse “sen seguir esperando a colaboración dunha Xunta de Galicia ausente”. O Concello subliña que, ao ser unha estrada de natureza urbana, é susceptible de cesión a titularidade municipal como foi o caso de rúa Mariñeiro en Panxón, onde a situación resultou moi similar e o Concello xa tivo que asumir en solitario as obras.

“Este é o primeiro paso dun proceso que non é inmediato pero que significa acadar o obxectivo buscado tanto tempo de facer as obras de mellora”, resume González.

Bonificación do IBI

O goberno de Nigrán aprobou tamén no pleno co voto a favor do PP a declaración de interese ou utilidade municipal de seis entidades socio culturais que solicitaron por rexistro unha bonificación do do 95% do Imposto de Bens Inmobles (máxima rebaixa permitida por lei e aprobada polo goberno de Nigrán no 2016). Con esta declaración, o “CRC O Torreiro de Priegue”, a “Asociación Cultural As Angustias”, o “Centro Cultural y Deportivo Bolos da Carrasca”, a “A.V.A.C A Unión de San Pedro da Ramallosa”, “Asociación de Veciños A Camoesa” e a Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva ‘O Castro’ verán rebaixado o seu recibo en preto de 1.300 euros ao ano.

Xestión da EDAR

O goberno de Nigrán rexeitou mediante unha moción a pretensión da Xunta para que a EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) pase a ser competencia municipal a partir do 1 de xuño de 2020, asunto no que os populares se abstiveron. Nesta data a administración autonómica entende que finaliza o contrato, tal e como comunicou Augas de Galicia mediante un escrito ao Concello o 30 de xullo de 2019 no que insta ao consistorio a iniciar o procedemento para asumir esa titularidade.

Por este motivo, o goberno de Nigrán presentou unha moción moi similar á aprobada no pleno do 26 de abril de 2002, e na que incide en que “non concorren as circunstancias e presupostos legais necesarios para que o Concello de Nigrán inicie agora o procedemento encamiñado a facerse cargo da explotación, conservación e mantemento da EDAR a partir do 1 de xuño de 2020”. Amparados na lexilación que declara interese xeral da Comunidade Autónoma o citado servizo público (atribuíndo a súa xestión á Administración hidráulica de Galicia) desde o goberno local considérase que “non se lle pode traspasar a Augas de Galicia as instalacións de depuración e a xestión das mesmas porque son súas e xa as ven xestionando como titular delas”. “A EDAR de Nigrán non foi planificada, deseñada, financiada, construída, recibida nin xestionada por este Concello de Nigrán, senón pola Administración hidráulica de Galicia, que é a súa titular”, insiste a moción.

A EDAR de Nigrán foi construída por Augas de Galicia no marco do Plan Director de Saneamento da Ría, sen que nin as instalacións nin a xestión fosen transferidas ao Concello e o servizo, declarado de interese xeral da Comunidade Autónoma, forma parte da programación de saneamento e depuración da Xunta de Galicia, a quen corresponde a súa xestión, explotación e mantemento.

Por todo elo, a moción rexeita que o Concello inicie ningún procedemento para asumir a titularidade xa que a EDAR non é a súa competencia.

Cidade Amiga da Infancia

Igualmente, o goberno de Nigrán, co voto a favor do PP, aprobou unha moción no que ratifican o compromiso do Concello para acadar o recoñecemento do selo ‘CAI’ (Cidade Amiga da Infancia) que concede o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) de forma bienal.

O programa CAI foi creado por Unicef Comité Español en 2001 co propósito de promover a aplicación da Convención dos Dereitos do Neno (CDN) en pobos e cidades da xeografía nacional, forma parte á súa vez da Iniciativa Cidades Amigas da Infancia, liderada por Unicef Internacional desde o ano 2000 e no que colaboran gobernos nacionais, administracións locais, ONG…