O Concello de Nigrán celebra a desconvocatoria da folga de limpeza tras acordar empresa e traballadores un novo convenio por tres anos

O paro previsto para iniciar mañá quedou anulado tras case cinco horas de negociación baixo a mediación da Inspección de Traballo o alcalde de Nigrán
Publicado por o día 27/07/2018 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán celebra a desconvocatoria da folga de limpeza tras acordar empresa e traballadores un novo convenio por tres anos

O Concello de Nigrán celebra a desconvocatoria da folga de recollida do lixo prevista para iniciar esta medianoite tras acadar hoxe un acordo os traballadores e a empresa Cespa-Ferrovial. Ambas partes asinaron un convenio válido por tres anos (ata o fin da concesión) tras case cinco horas de negociación e baixo a mediación da Inspección de Traballo e do alcalde de Nigrán, Juan González, quen xa asistira as reunións dos días anteriores.

“Agradecemos o esforzo da empresa e do seu persoal para chegar a un acordo que garantirá a paz social, como mínimo, ata o fin do contrato, e que evita unha folga moi prexudicial para todos. Dende o Concello, aínda sendo un problema laboral interno, puxemos todo da nosa banda sentándonos coas duas partes cara a cara e dende o primeiro momento co único obxectivo de chegar a este resultado positivo para todos”, sinala o rexedor, quen valora especialmente que este convenio sexa por tres anos e non anual, como viña sucendendo.

Así, quedou consensuada unha importante suba salarial e, ademais, aceptouse a creación dunha categoría de peón para os novos empregados, pasando os actuais á categoría de especialistas. Estes poderán permanecer na nova categoría un máximo de dous anos e non poderán manexar vehículos de traballo. Por outra banda, a empresa se compromete a que os tres traballadores fixos-discontinuos estean de alta 10 meses no 2018, 11 meses no 2019 e todo o ano no 2020. Finalmente, Cespa-Ferrovial asume a contratación de como mínimo 5 persoas extra durante a tempada de verán (mínimo 70 días consecutivos) tendo prioridade os traballadores que estiveran prestando servizo con anterioridade.

“En definitiva, cremos que é un acordo moi bo para o persoal pero tamén para os veciños de Nigrán, xa que, grazas a el, o servizo de limpeza viaria, recollida de lixo e de praias se verá reforzado”, resumiu o alcalde tras asinar a acta do acordo.