O Concello de Nigrán celebrará o 27 de xuño no Templo Votivo do Mar o primeiro certame internacional de corais de Galicia e segundo de España

O prazo para inscribirse ao concurso ‘Ars Canendi: As voces do camiño’ está aberto ata o 20 de abril e as bases específicas están publicadas na web do Concello de Nigrán
Publicado por o día 26/02/2020 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán celebrará o 27 de xuño no Templo Votivo do Mar o primeiro certame internacional de corais de Galicia e segundo de España

O Concello de Nigrán celebrará o 27 de xuño no Templo Votivo do Mar (Panxón) o ‘I Certame Internacional de Música Coral Ars Canendi: As voces do Camiño’, constituíndose así como o primeiro concurso internacional de Galicia e o segundo de España (Tolosa). As bases específicas están publicadas na web do Concello (https://www.nigran.es/i-certamen-internacional-de-musica-coral-ars-canendi-as-voces-do-camino/) e os interesados dispoñen ata o 20 de abril para inscribirse, seleccionando finalmente o Concello segundo criterios técnico-musicais un máximo de cinco agrupacións participantes.

O obxectivo do Concello é congregar anualmente nesta cita ás mellores formacións do país e do estranxeiro, xa que precisamente o sur das Rías Baixas reúne o maior número de coros de toda Galicia e, ao mesmo tempo, nesta comarca teñen xurdido nos últimos anos importantes formacións distinguidas con premios nacionais e que xa sitúan á musica coral da comunidade como referente en España.

“Queremos que Nigrán sexa unha referencia nacional e mesmo internacional no que se refire a música coral de calidade. Contamos con numerosos coros no municipio e na contorna e a través deste certamen promoveremos o intercambio de estilos, interpretación, literatura coral, educación vocal e mesmo daremos a coñecer a tradición musical e cultural galega”, sinala Nuria Lorenzo, edil de Cultura.

O Concello de Nigrán abonará os gastos de desprazamento a cada agrupación coral participante e, ás de fora da península, se lles facilitará aloxamento no CEE de Panxón. O certame conta cun primeiro premio de 3.000 €, segundo de 2.000 €, terceiro de 1.000 € e, finalmente, 500 € á mellor interpretación da obra que obrigatoriamente deben interpretar, ‘Ave Maris Stella’, un tema inédito composto ex-profeso para o certame polo compositor e director coral galego Javier Fajardo e que fai referencia á virxe do Carme, a quen se consagra o templo. A maiores, as corais deberán executar unha obra sacra do Renacemento ou Barroco, outra do Clasicismo ou Romanticismo e, finalmente, unha peza composta a partires de 1950.

Os premios fallaranse ao día seguinte, domingo 28, ás 12:00 horas no Auditorio Municipal. Será un xurado de recoñecido prestixio quen avalíe ás formacións segundo execución técnica, afinación, interpretación de estilo do repertorio, expresión, variedade e calidade …