O Concello de Nigrán colabora na cuarta marcha cicloturista entre o Humberto Juanes e os alumnos de intercambio de Manchester

Publicado por o día 22/03/2019 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán colabora na cuarta marcha cicloturista entre o Humberto Juanes e os alumnos de intercambio de Manchester

O Concello de Nigrán colaborará un ano máis na marcha cicloturista da comunidade educativa do CEIP Humberto Juanes e os alumnos de intercambio de Manchester. A actividade, que foi presentada esta mañá no centro, terá lugar o xoves 28 e mobilizará a 140 persoas que farán en bicicleta o traxecto Nigrán-Baiona. Na mesma colaboran tamén as policías locais de ambos municipios, o Club Ciclista Rías Baixas e o Centro Juan María, que estará presente con 30 usuarios que empregarán as bicicletas adaptadas mercadas polo Concello de Nigrán para o uso de persoas con diversidade funcional. Trátase do quinceavo ano que se realiza o intercambio escolar e o cuarto consecutivo no que se fai a marcha cicloturista, na que participan os alumnos de 5º e 6º.

Os alumnos ingleses coas súas familias chegarán a Nigrán o martes 26 e permanecerán en Nigrán ata o martes 2, neste tempo, ademais da marcha cicloturista, terán actividades como vela no Monte Real de Baiona, excursión ás illas Cíes…

“Son tres centros educativos de Nigrán que teñen intercambios con alumnos de Manchester, o que implica que o noso municipio é un sitio de referencia para esta cidade, así que o intercambio é algo moi positivo dende o punto de vista educativo, pero sen dúbida tamén dende o punto de vista da nosa promoción exterior”, indicou o alcalde, Juan González, durante a presentación.