O Concello de Nigrán conmemora os 9 meses tras incendios do 15 de outubro na comarca cun gran evento este domingo na Ramallosa (Alameda de San Campio) a cargo da corrente artística ‘Arte no Queimado’, xurdida precisamente a raíz do fatídico lume. Na iniciativa participan a Comunidade de Montes de Camos e Chandebrito, a asociación veciñal ‘O Castro’ de Chandebrito e Coruxo Arte.
“Trátase dunha gran xornada lúdica e educativa na que buscamos non perder a memoria do acontecido e concienciarnos todos do desastre absoluto que supoñen os incendios”, reflexiona Juan González, alcalde de Nigrán.
O promotor deste novo colectivo artístico, o escultor Juan Coruxo, iniciaron hoxe xunto aos seus compañeiros Remigio Dávila e Rosendo González a talla de cinco árbores secos e que están situados na Alameda de San Campio. O oxectivo é que durante o domingo rematen o traballo como parte fundamental da celebración da xornada ‘Arte no Queimado’, que reunirá a preto dunha vintena de artistas (fundamentalmente pintores e escultores) traballando en vivo na Alameda de San Campio con material procedente maioritariamente dos lumes de outubro. Ademais, durante todo este día haberá obradoiros infantís e, pola tarde, de 20.00 a 21.00 horas, un ‘Pasarrúas Máxico’ a cargo da compañía A Illa dos nenos que conxuga a maxia e o circo para crear un mundo fantástico cheo de ilusiónes e sorrisos.
Dous magos acompañados de dous zancudos serán os encargados de marabillar ao público que atopen ao seu paso polo paseo da Foz ata chegar á Alameda, onde realizarán un gran espectáculo conxunto. O punto e final á xornada de ‘Arte no queimado’ o porá ás 21:00 horas o acordeonista de Priegue Roberto Comesaña, gañador dun Grammy no ano 2016 co tema “Cabaliño” xunto a Cristina Pato, Anxo Pintos e Davide Salvado; amén de sumar outros destacados recoñecementos na súa importante traxectoria (foi tamén Primeiro Premio no certame Nacional de acordeón, na categoría de música popular, no ano 2009).
Noticias de última hora en Vigo