O Concello de Nigrán consignará 12.000 € do orzamento 2021 para erradicar a herba da Pampa co asesoramento de Galicia Ambiental

O Concello levará adiante un plan estratéxico para primeiramente intervir nos exemplares dispersos e illados ou localizados en espazos naturais e, a continuación, en zonas de maior concentración

O Concello de Nigrán consignará 12.000 € do seu orzamento 2021 para crear un plan estratéxico de erradicación da herba da pampa ou cortaderia selloana, especie invasora fácilmente identificable polos seus plumeiros de sementes. O avance desta planta exótica en toda a comunidade, especialmente no litoral, é tamén moi visible en Nigrán, onde comeza a ameazar espazos naturais protexidos como o ecosistema dunar de Panxón ou o esteiro de A Foz.

“A súa presenza pon en perigo á biodiversidade biolóxica nativa e conleva unha alteración dos ecosistemas naturais, tendo unha capacidade de invasión descomunal. Xa hai algún exemplar en zonas especialmente sensibles, por iso desde o Concello non podemos agardar máis de brazos cruzados, temos que actuar xa para evitar a súa propagación concienciando á vez á veciñanza”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que ten xa ultimado o plan de acción local coa Asociación Galicia Ambiental.

“Iremos de menos a máis, intervindo nos plumeiros máis illados ou os localizados en espazos naturais, e para elo queremos facer partícipe á veciñanza e acadar que interveñan nas súas propiedades”, explica o rexedor. Así, o proxecto inclué no primeiro ano medidas de difusión cidadá e de contención evitando a propagación das sementes, para elo, crearase unha aplicación móbil na que calquera veciño poderá xeolocalizar a herba da pampa e o seu estado para ir directamente a cortar o plumeiro (sempre debe ser embolsado e posteriormente incinerado, xa que cada planta contén ata 1 millón de sementes que transporta o vento moi facilmente). O segundo ano extraeranse por completo as plantas en zonas de baixa presencia para despois ir ás de alta concentración (se fai falla empregarase maquinaria pesada), entre xuño e outubro repetiríase a eliminación dos plumeiros que queden e, finalmente, prepararanse os terreos para plantar especies autóctonas que dificulten o novo asentamento da cortaderia. Finalmente, o terceiro ano continuarase coa reforestación dos lugares ‘liberados’, extraendo novamente de xullo a outubro os plumeiros e finalizando con máis extraccións de plantas se fose o caso.

“Todo este plan debería ir acompañado dunha ordenanza municipal que regule a plantación e/ou conservación de especies invasoras, tanto no eido público como privado, xa que afecta á biodiversidade colectiva”, explican desde Galicia Ambiental, onde sitúan os movementos de terra para a construción da autoestrada do Val Miñor e o parque Porto do Molle como un dos momentos que máis beneficiaron a súa expansión na localidade (os traballos no terreo para construír infraestruturas favorecen moitísimo a súa implantación).

Emerxencia ecolóxica mundial

A cortaderia selloana, orixinaria de Sudamérica, é un problema de emerxencia ecolóxica en case todos os países do mundo. En España existen evidencias de que chegou a través de diferentes portos do Cantábrico en 1940. En Galicia, a construción da Autoestrada do Atlántico (AP9) veu acompañada do uso de numerosas plantas exóticas, entre elas a herba da pampa, que foi plantada de forma abundante no tramo A Coruña-Betanzos. Actualmente afecta xa a unha cuarta parte da comunidade autónoma de Galicia, sendo o litoral e cotas de altitude baixa e media as zonas máis afectadas.

“Queremos erradicala e concienciar á veciñanza de que ese plumeiro que tanto prolifera e que pode parecer ata decorativo é unha auténtica ameaza ao noso paisaxe e a nosa biodiversidade. Por iso o plan que levaremos adiante precisará da implicación de todos”, resume o alcalde.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM