O Concello de Nigrán ven de contratar a través da Deputación de Pontevedra a catro persoas en prácticas ao abeiro das bases do programa ‘O teu primeiro emprego’ de fomento da empregabilidade na provincia. En concreto, e grazas a esta axuda, o Concello conta desde a semana pasada cunha nova persoa con grado en dereito no departamento de Contratación; outra especializada en Biblioteconomía e Documentación na Biblioteca Municipal e Arquivo; outra con Ciclo Superior en Proxectos de Obra Civil ou Desenvolvemento de proxectos urbanísticos e operacións topográficas en Urbanismo; e, finalmente, unha persoa co Ciclo Superior de administración e finanzas no departamento de Servizos Xerais. Seleccionados todos a través da Oficina de Emprego de Baiona, tal e como esixían as bases, son titulados universitarios e de formación profesional da provincia de Pontevedra coa cualificación concreta requirida e sen experiencia laboral previa no eido da súa formación.
“Como institución pública temos a obriga de dar as maiores facilidades á xuventude para atopar o seu primeiro emprego, dende o Concello debemos axudar a que completen a súa formación académica con experiencia profesional para facilitarlles a futura inserción ao mercado laboral e, sen
dúbida, ao mesmo tempo o consistorio tamén se beneficiará da súa presenza”, indica o alcalde, Juan González.
Estas catro persoas desenvolven o seu traballo cun contrato en prácticas durante 6 meses prorrogables a outros 6 (en función da resolución provincial final) e as retribucións son as estipuladas nas bases da convocatoria.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.