O concello de Nigrán e Abanca inaguran o martes a mediodía a exposición fotográfica “Oficios entre lusco e fusco” noo auditorio municipal

O autor, Xosé Abad, realizará unha visita guiada para todos os asistentes
Publicado por o día 03/06/2018 na sección de Galicia,Nigrán

O concello de Nigrán e Abanca inaguran o martes a mediodía a exposición fotográfica “Oficios entre lusco e fusco” noo auditorio municipal

O Concello de Nigrán, froito dun convenio con ABANCA e Afundación, acollerá dende o martes 5 ao 23 de xuño a mostra fotográfica “Oficios entre lusco e fusco” no Auditorio Municipal. A inauguración, aberta a participación da veciñanza, terá lugar ás 12:00 horas e contará coa presenza do autor, Xosé Abad, que realizará unha visita guiada para os asistentes.

O traballo fotográfico de Xosé Abad é unha reflexión sobre a desaparición de múltiples oficios, como o de fareiro ou o de pastor, por mor da mecanización do traballo e a produción en masa. De entrada libre e gratuíta, poderase visitar do 5 ao 23 de xuño no Auditorio Municipal de Nigrán en horario de 12:00 a 14:00 h e de 18:00 a 21:00 h.

A MOSTRA E O ARTISTA

“Oficios entre lusco e fusco” conta a través da fotografía a historia de cada protagonista. Emprega a luz, a mirada, a roupa, o traballo e todos os elementos que reflicten o modo de vida nun momento de cambios e novidades tecnolóxicas diarias, de consumo rápido e fabricación urxente. O traballo de Xosé Abad permite contemplar moitas profesións que, dentro de poucos anos, só permanecerán nos libros de historia. En definitiva, esta serie eríxese como un “derradeiro raio de luz antes de que o saber, a súa influencia e xeito de entender o mundo desapareza”. O autor emprega un esquema de iluminación acorde con ese intre do día que, ademais, nomea a propia mostra. Cuns claroscuros que recordan a obra de Caravaggio, Xosé Abad suxire espazos e ferramentas, define o lugar de traballo, documenta a presenza de universos onde se funden o privado e o laboral. “Oficios entre lusco e fusco” é testemuño gráfico dos derradeiros tempos da coexistencia de dous xeitos de produción moi diferenciados. É, pois, a documentación da desaparición gradual do “traballo ben feito, a personalización do trato e a orixinalidade de cada peza”.

Xosé Abad, nado en Figueres (1956), iniciou a súa andaina profesional como fotoxornalista en diversos medios de comunicación na década dos oitenta. A súa obra expúxose en diversas localidades galegas e en diferentes museos e institucións estatais e internacionais, recibindo diferentes premios polo seu traballo e traxectoria. Así mesmo, o artista colaborou en proxectos de diferentes ONG galegas e latinoamericanas. Desde o seu estudo realiza traballos de fotografía industrial e publicitaria, moda ou retrato. Como fotógrafo foi galardoado no I Certame de Creación Fotográfica Luís Ksado ou co Premio Pardela de Comunicación á traxectoria profesional, entregado polo Club de Amigos da UNESCO. Na súa actividade cinematográfica dirixiu varios documentais premiados en diferentes certames, sendo os máis actuais Isaac, O segredo da Frouxeira e A pegada dos avós.