O concello de Nigrán e Fundación Érguete inauguran en Porto do Molle o seu primeiro programa de emprego inclusivo no municipio

Publicado por o día 10/05/2018 na sección de Galicia,Nigrán

O concello de Nigrán e Fundación Érguete inauguran en Porto do Molle o seu primeiro programa de emprego inclusivo no municipio

O alcalde de Nigrán, Juan González, acudiu esta mañá á xornada inaugural do curso de “Auxiliar de Comercio” en Porto do Molle organizado entre Concello de Nigrán e a Fundación Érguete, xunto á Deputación de Pontevedra e Zona Franca. Trátase do primeiro programa de emprego inclusivo da Fundación Érguete no municipio e formará a 20 persoas de Nigrán (18 mulleres e 2 homes) na atención en supermercados e grandes superficies. Dirixido a desempregados (con prioridade para os empadroados en Nigrán) as persoas que se inscribiron recibirán gratuitamente unha formación de 210 horas que inclúe 80 horas de prácticas en empresas da zona (a formación teórica terá lugar no Centro de Negocios de Porto do Molle).

O Concello de Nigrán valorou a posibilidade de realizar este curso trala compra dun grupo inversor de 8.500 metros cuadrados nas parcelas comerciais para instalar as firmas Burger King, Leroy Merlin-AKI, Worten, Norauto, Decathlon y Lidl, que se prevé que xeren inicialmente 185 empregos, tal e como a propia delegada de Zona Franca, Teresa Pedrosa, destacou na presentación.

“Este curso non garante un posto de traballo automaticamente no parque empresarial, pero sen dúbida amplía as posibilidades de acadalo ter unha cualificación ao respecto e ao mesmo tempo residir en Nigrán”, sinalou o alcalde, Juan González, mentres que Carmen Avendaño, presidenta da Fundación Érguete, destacou que os cursos que organiza a entidade acadan un 72% de inserción laboral.

Así, o obxectivo primordial deste curso será o de mellorar a empregabilidade de persoas en risco de exclusión social facilitando a súa incorporación ao mercado laboral. “Damos unha oportunidade a persoas de Nigrán que realmente o necesitan e que o teñen máis difícil, as previsións de negocios en Porto do Molle apuntan cara a necesidade deste tipo de profesionais, por iso apostamos por este curso en concreto”, sinala o alcalde, Juan González.

Durante a formación acadarán competencias básicas de comercio como prestar atención ao cliente, realizar actividades auxiliares de reposición e acondicionamento no punto de venda, operativa de Caixa e terminais TPV, técnicas de merchandising…

Fundación Érguete-Integración

A Fundación Érguete-Integración traballa para que as persoas sen emprego consigan a súa mellora social, laboral e de vida, a partir do achegamento ao emprego, ofrecendo servizos de información, sensibilización, orientación, formación e intermediación cos distintos axentes sociais da nosa comunidade, e coa participación dun equipo multidisciplinar de profesionais implicados plenamente no devandito obxectivo.