O concello de Nigrán emprende a mellora do acceso a tódalas fontes e lavadoiros do municipio

Operarios municipais están a desbrozar os camiños que levan a 86 lavadoiros e fontes públicas
Publicado por o día 20/09/2018 na sección de Galicia,Nigrán

O concello de Nigrán emprende a mellora do acceso a tódalas fontes e lavadoiros do municipio

O Concello de Nigrán emprendeu esta semana o seu plan de mellora dos accesos ás fontes e lavadoiros do municipio mediante o desbroce dos camiños por parte de operarios municipais, un traballo que se repite periodicamente ao longo do ano. En total, trátase de 86 fontes e lavadoiros públicos das sete parroquias e estarán a punto ao longo da semana. Asemesmo, o Concello realizará no mes de outubro as novas análises semestrais de potabilidade, cuxos resultados constarán en cada manancial.

“A posta en valor destes elementos e o coidado e mantemento da zona na que se atopan é primordial para o goberno. As fontes forman parte do noso patrimonio etnográfico e como tal debemos conservalo”, sinala o alcalde, Juan González, alcalde de Nigrán.


No ano 2017 o Concello de Nigrán restaurou oito fontes municipais a través dunha subvención de 10.960,78 euros concedida pola Deputación de Pontevedra para a rehabilitación do patrimonio histórico cultural. Concretamente, foron a fonte da Cruz e Pereiro en Camos, a da Estación en Panxón, a do Castro e Igrexa en Parada, a da Coba en Priegue e, finalmente, as de Cabreira e Pías na Ramallosa.