O Concello de Nigrán dará un paso máis no seu proxecto ‘Un Nigrán para todos’ de eliminación de barreiras físicas e cognitivas facilitando o emprego das prazas de aparcamento habilitadas para persoas discapacitadas mediante unha novidosa aplicación móbil única en Galicia e que en España só funciona en Beasain (País Vasco). Así, o goberno local consignará 9.500 € do vindeiro orzamento á instalación da tecnoloxía Parking Gapp, desenvolvida pola empresa galega Imagina Ingenio S.L, con longa traxectoria en solucións IOT, para monitorizar mediante sensores 30 prazas do casco urbano de Nigrán. O obxectivo é que o usuario coñeza en tempo real a través a aplicación móbil onde atopar unha praza para discapacitados libre e, ao mesmo tempo, a información obtida permitirá ao Concello xestionar a súa distribución de xeito eficiente en función da ocupación.
“O que buscamos é facilitar o seu uso ás persoas con problemas de mobilidade e, ao mesmo tempo, facer unha distribución acorde á verdadeira demanda de uso. Así, as modificaremos e aumentaremos en función da tasa de ocupación real. Paralelamente, permite reducir os tempos de desprazamento e contribúe con elo a reducir emisións contaminantes”, explica o alcalde, Juan González, quen se reuníu onte cos responsables da empresa radicada en Vigo para ultimar a súa adquisición.
Esta tecnoloxía gratuíta para o usuario funciona desde o ano pasado en Beasain (País Vasco) con gran éxito, sendo Nigrán o segundo municipio de España onde estará operativo durante 2021. “Beasain é un municipio de paso para moitas persoas e nese sentido a aplicación é moi interesante porque para o que non coñece o lugar dá moita seguridade contar cunha app que ubica as prazas e te dirixe a elas de xeito sinxelo e intuitivo, así que en Nigrán será moi positivo non só para os seus veciños, se non para calquera persoas de fora”, explica Sergio Dávila, cofundador da empresa.
A monitorización das 30 prazas se realizará mediante a colocación de sensores sobre o asfalto que detectan se un vehículo está aparcado ou non, e o usuario obtén a información en tempo real a través da aplicación móbil gratuíta Parking Gapp. Esta tecnoloxía desenvolvida a través de redes Narrowband é empregada actualmente en moitas cidades para facilitar diferentes aspectos da vida cotiá dentro do concepto coñecido como ‘smart city’.
“Desde o Concello de Nigrán apostamos por todas aquelas novas tecnoloxías que facilitan á vida das persoas con diversidade funcional ou cognitiva para o seu uso público e gratuíto”, incide o alcalde, quen pon como exemplo o caso dos semáforos do municipio, onde en 2016 se instalalaron receptores bluetooth que permiten activar o sinal acústico cando se achega unha persoa invidente ou a adquisición nese mesmo ano por parte do Concello de dous bucles de inducción magnética que permiten unha transmisión máis nítida do son (fundamental para persoas con audífono). Máis recente é o caso da adquisición no 2019 das xa famosas 5 mochilas vibratorias para que as persoas xordas sintan a música, pioneiras en España para o uso público.
“Este é un paso máis no noso proxecto ‘Un Nigrán para todos’ que nos sitúa á vangarda de España nas políticas públicas de accesibilidade universal, polo que estamos moi orgullosos de continuar a ser un referente neste sentido”, resume o rexedor.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.