O Concello de Nigrán homenaxea ás súas comisións de festas a través da gravación do musical da TVG ‘100 anos de verbena galega’ a cargo de ‘La ocaband’ e con artistas convidados

Será o xoves no campo de Lourido e o público estará formado por membros das diferentes comisións do municipio e dos centros culturais, todos eles previamente acreditados para cumprir co protocolo sanitario

O Concello de Nigrán acollerá este xoves de 22:00 a 00:30 horas no campo de Lourido a gravación do musical da TVG ‘100 anos de verbena galega’, a cargo de ‘La Ocaband’ e ao que se sumarán artistas convidados pertencentes ás mellores orquestras do país. O público, limitado e previamente acreditado por razóns sanitarias, estará formado por representantes das diferentes comisións de festas do municipio e entidades culturais.

“Desde o Concello queremos aproveitar esta ocasión para render homenaxe aos que traballan todo o ano no municipio co obxectivo de organizar verbenas e festas, xa que precisamente neste 2020 viron truncados os seus esforzos por mor do Covid-19. Este é o motivo polo que pensamos neles como público ao que se lle ofrece o espectáculo”, sinala o alcalde, Juan González, quen aclara que por protocolo de seguridade realízase con aforo moi limitado e mediante invitación numerada.

O espectáculo, que será emitido ao longo do verán, estará protagonizado polo gran show da orquestra ‘La Ocaband’, que contará para a ocasión coa súa formación de 10 músicos e 4 técnicos e coa presenza de artistas convidados como Sito Sedes (Los Satélites), Lito (Panorama), Blas (París de Noia), Miguel Torres (Orquesta Compostela), Luis Queima, Tita Lijo (Los Players), Carlos Mariano (Suavecito), Fátima Pego (Panorama) e Marcos Rodríguez (ex-cantante de Amistades Peligrosas).

Presentado por Sara Rodríguez, disporá dun escenario de 24 metros, pantallas de 4×3 para visuais, unidade móbil de 7 cámaras e un equipo técnico composto por 18 profesionais.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM