O Concello de Nigrán instala ao carón do pavillón municipal o primeiro parque de calistenia de toda a comarca

O Concello investiu 14.000 € a cargo das baixas do Plan Concellos 2018 nesta instalación composta por diferentes elementos fixos que permiten realizar exercicio ao aire libre empregando o propio peso corporal
Publicado por o día 23/01/2021 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán ultima a instalación do primeiro parque de calistenia-street workout da comarca ao carón do Pavillón Municipal de Panxón mediante o investimento de 14.000 € a cargo das baixas do Plan Concellos 2018. Deste xeito, o deporte de moda a nivel mundial entre a mocidade poderá ser practicado no municipio a partir do mes de febreiro, cando estea xa concluída a colocación desta complexa estrutura da marca Kenguru, a mellor valorada polos usuarios e a única homologada no campionato mundial.

“Era unha petición expresa de moitos deportistas, especialmente adolescentes, e desde o Concello queremos poñer todos os medios para que a veciñanza poida practicar exercicio ao aire libre, algo máis recomendable que nunca tendo en conta a situación. Deste xeito, promovemos hábitos de vida saúdables potenciando ao mesmo tempo unha afección ao carón precisamente dunha instalación deportiva”, explica o alcalde, Juan González, quen recorda que Nigrán conta desde hai anos con sendas gaiolas de adestramento en Praia América e Lourido, “auténticos ximnasios ao aire libre gratuítos”.

Este novo parque ocupa 170 metros cadrados de superficie e, como todos os de calistenia street-workout, conta con estruturas estáticas de diferentes elementos (barras, postes, bancos, varandas ou paredes) para facer múltiples exercicios (ou acrobacias no caso do street workout) empregando o propio peso corporal. En esencia, trátase dun deporte dirixido a fortalecer a musculatura e de gran popularidade actualmente pero que xa se practicaba na antiga Grecia (de aí ven o nome de calistenia) pois inclúe desde a realización de dominadas, sentadillas, flexións, abdominais a complicadísimos exercicios como ‘A bandeira’; no caso do street-workout son máis acrobáticos ao incorporar disciplinas urbanas como o parkour.