O Concello de Nigrán levará aos tribunais a revogación da xunta á subvención de mellora dos accesos a porto molle por Gándara e Ponte muíña

Publicado por o día 17/01/2019 na sección de Galicia,Nigrán
O Concello de Nigrán levará aos tribunais a revogación da xunta á subvención de mellora dos accesos a porto molle por Gándara e Ponte muíña

O Concello de Nigrán presentará un recurso contencioso-administrativo contra a recente revogación da subvención de 120.000 € concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para a “Mellora de accesos ao Parque Empresarial Porto do Molle”. As obras nas rúas Gándara e Ponte Muíña, moi demandadas pola veciñanza e cun importe total de 253.000 €, supuxeron a substitución da capa de rodadura, nova iluminación, canalización de pluviais e mellora da sinalización horizontal e vertical creando, ademais, un cebreado peonil pintado e delimitado lonxitudinalmente.

O goberno de Nigrán, tendo xa precedentes neste sentido, considera que a Xunta de Galicia realiza un uso “partidista e instrumental” das súas axudas ao non contemplar a petición de ampliación de prazo de xustificación apoiada por informes técnicos e xurídicos. A Consellería comunicou o 15 de xuño de 2018 a concesión da subvención, dando ata o 15 de novembro de tope para ter concluída e xustificada a obra, un prazo sumamente axustado tendo en conta que implica un procedemento aberto de contratación que legalmente supón meses. Pese a todo, o Concello de Nigrán acelerou a tramitación e os propios traballos e só solicitou unha ampliación de prazo o día 9 de novembro ao manterse o parte meteorolóxico desfavorable que impedía ter pintado o viario antes do día 15 (máximo para a xustificación). “Las condiciones climáticas han sido excepcionalmente adversas (…). Es de destacar que las condiciones de la ejecución de las marcas viales exigen según el Pliego de Prescripciones Técnicas Generales que el pavimento esté seco, y recomendaciones de buena práctica, que hayan pasado tres o cuatro días desde que se completó el asfaltado”, recolle o informe do director de obras na súa petición xunto os datos das estacións meteorolóxicas máis próximas. Pese a todo, o 12 de novembro notifícaselle ao Concello a negativa de ampliación por parte da xefa de Servizo de Administración Industrial e o mesmo día 15 o Concello interpón un recurso de alzada contra este oficio, feito que dende a Xunta ignoran ata o 27 de novembro, cando por delegación do propio conselleiro resolven inadmitilo e revogar a subvención.

“Aceleramos ao máximo a contratación e tivemos que pedir unha prórroga ridícula porque tras dúas semanas de choiva era imposible pintar o viario; non se chegou a prazo por unha causa de forza maior que calquera outro organismo si contemplaría”, explica o alcalde, quen recorda que na chegada ao goberno en 2016 a Xunta revogou unilateralmente o convenio para levar a auga a Parada pola Carrasca, obra xa rematada e que asumiu integramente o Concello. “Agardamos que a corporación actúe con sensatez e se sitúe ao noso carón, como xa fixeron neste caso”, incide González, quen destaca que dende o Concello de Nigrán, cun superávit de máis de 2 millóns de euros, “non se deixarán de facer investimentos necesarios para a veciñanza, pese a quen lle pese”.

Precisamente, as rúas Gándara e Ponte Muíña, fundamentais no acceso a Porto do Molle e ao IES Val Miñor, atopábanse en pésimo estado, cun firme completamente deteriorado e provocando as lóxicas queixas dos seus usuarios, “polo que para o Concello era unha obra prioritaria con ou sen subvención”, incide o alcalde. “O importante é que esta feita e que o resultado é espectacular, tal e como nos transmiten os propios veciños; é inxusto que revoguen a subvención e por iso acudiremos aos tribunais, pero se temos que seguir facendo investimentos imprescindibles sen axudas da Xunta o faremos igual porque somos un Concello nunha situación económica moi boa”, resume.