O Concello de Nigrán Mantén a súa colaboración coas comunidades de de augas veciñais renovando os colectores de ‘A Revolta-Piñeiros’ en Camos

As novas regulacións sanitarias obrigan ás traídas comunais a emprender obras e tramitar documentación, aspecto no que o Concello xa está a colaborar cun investimento inicial de preto de 55.000 €
Publicado por o día 15/12/2020 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán Mantén a súa colaboración coas comunidades de de augas veciñais renovando os colectores de ‘A Revolta-Piñeiros’ en Camos

O Concello de Nigrán aposta por preservar as traídas de augas veciñais privadas investindo naquelas que desexan manter de cara ao futuro este servizo básico para as parroquias de Camos e Chandebrito, onde non chega ao 100% o abastecemento municipal. Así, considerando que as novas regulacións sanitarias ou fin de concesións obrigan á maioría das comunidades existentes a emprender obras nas súas instalacións e tramitar documentación, o Concello rematou xa a súa colaboración coa traídas de A Rotea e concluirá esta semana coa de Piñeiros (Camos) para continuar en O Castro e Lapela (Chandebrito), todas manifestaron nas súas respectivas asembleas o seu interese en manter o subministro de cara ao futuro e de recibir para elo a axuda do Concello.

En concreto, na comunidade de Piñeiros (que dá servizo a 40 fogares nesta zona onde non chega o abastecemento municipal) o Concello iniciou hoxe a renovación de 900 metros de tubaxe que xa superaran a súa vida útil coa conseguinte problemática que acarrexaba. A continuación, o Concello seguirá coa de O Castro de Chandebrito, onde se renovou o peche perimetral do depósito e se instalará un clorador, mosquiteiras e sinalización axeitada. Finalmente será a de Pracíns, onde se está a valorar cos comuneiros as necesidades.

“As traídas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a moitos fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que é deber do Concello compensalas garantindo a continuidade e seguridade sanitaria deste servizo que alcanza a máis de 200 familias”, explica o alcalde, Juan González, quen hai meses mantivo un encontro con representantes das 7 comunidades de augas existentes na localidade (3 delas en Chandebrito e 4 en Camos) para precisamente ofrecer esta colaboración. “Iniciamos os traballos de regularización naquelas que demandaron a nosa axuda, pero mantemos esta porta aberta para todas as demais no momento en que se decidan. As comunidades coas que o Concello colabora manteñen a súa independencia total e absoluta e seguen a ser os titulares dos seus recursos, é unha decisión dos comuneiros regularizarse coa nosa axuda ou sen ela”, insiste o rexedor.

Deste xeito, co fin de adaptarse á normativa sanitaria, o Concello investirá preto de 55.000 € en diferentes obras en Lapela, Rotea e Piñeiros. Segundo o informe das necesidades das tres traídas solicitantes, nalgúns casos será preciso renovar os colectores, noutros instalar cloradores, mosquiteiras, sinalización… e mesmo traballo administrativo como realizar memorias de legalización.

“Todas as traídas comunais son de tempos xa remotos onde non había ningún tipo de regulación, algunhas foron adaptándose aos requirimentos e outras quedaron practicamente igual, pero hai que recoñecer que, grazas a estas entidades, foi posible fixar poboación no rural e mellorar as súas condicións de vida; consideramos que agora é o momento de que o Concello colabore con elas ao tempo que continuamos ampliando o abastecemento público”, considera o alcalde, quen incide en que paralelamente o Concello cubríu nestes anos o 100% da parroquia de Parada e boa parte de Camos, onde proseguirá cos barrios de O Carballal, A Cruz, e a veciña Tarela.

As comunidades de augas son unha figura moi extendida en toda Galicia, especialmente no rural, onde a dispersión poboacional dificulta o abastecemento público, alí ancestralmente se formaron estas comunidades de veciños privadas. Estímase que en Galicia poden existir máis de 5.000 captacións comunitarias, que abastecen a ao redor de 300.000 veciños. A maioría delas regularizáronse a finais dos anos 70 ou comezos dos 80, con concesións a 20 anos, polo que as comunidades de augas afrontan agora a segunda renovación da súa concesión. 

Comentar noticia

Your email address will not be published.