O Concello de Nigrán ofrece este sábado en Chandebrito a segunda edición do festival ‘Chan de Folk’, evento que fusiona a xa popular noite de observación das perseidas na parroquia co concerto de Roi Casal ‘Son Galego, Son Cubano’ (21:30 horas), espectáculo financiado dende a Deputación de Pontevedra a través de Musigal. Conta ademais coa colaboración da Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños ‘O Castro’.
A sesión posterior ao concerto adicada a contemplar as bágoas de San Lourenzo (23:30 horas e se as condicións atmosféricas o permiten) contará novamente con guías da Agrupación Astronómica Coruñesa, que ofrecerán as súas explicacións nun punto da parroquia alonxado de toda contaminación lumínica e con gran bóveda celeste. Os interesados en acudir ao festival, de non coñecer o lugar, poden presentarse ás 20:30 horas no Concello de Nigrán en vehículo propio (o campo de fútbol Chandebrito funcionará como aparcadoiro, xa que está pegado á carballeira onde se celebrará o concerto e posterior saída á observación). Haberá cantina con venda de bebidas e choripáns.
‘Son galego, Son cubano’ foi presentado no Gran Teatro da Habana no mes de Maio de 2016 con dous memorables concertos. Trátase dun show inesquecible con letras de Neira Vilas e a posta en escena dos mellores músicos de ámbolos dous paises, que foi visto en directo por máis de 100.000 espectadores dende a súa posta en escena en Cuba. Roi Casal traballou conxuntamente neste espectáculo con Neira Vilas ate o falecemento deste último en novembro de 2015. A xira é considerada unha fermosa homenaxe ao propio escritor e á emigración galega en Cuba, onde residiu 31 anos da súa vida para deixar rexistrada en varias das suas obras a incrible epopea dos galegos na illa caribeña.
O Concello de Nigrán iniciou a actividade de observación das perseidas en Chandebrito en agosto de 2015, reunindo xa na primeira edición a máis de duascentas persoas, foi o ano pasado cando creou o festival ‘Chan de Folk’ que une definitivamente música e estrelas nunha mesma xornada. Actualmente está instaurada como unha das propostas de referencia no calendario de verán, sendo unha proposta máis para dar a coñecer esta parroquia do interior con gran riqueza natural, patrimonial e etnográfica.
As perseidas toman o nome da constelación de Perseo porque debido a un efecto óptico da a sensación de que todas veñan desde ese mesmo punto. Tamén son denominadas “bágoas de San Lorenzo” pola proximidade ao seu pico máximo o 10 de agosto (festividade do mártir español do mesmo nome). Non son estrelas fugaces, se non meteoros moi brillantes que viaxan a 59 km/segundo, deixando ás veces unha estela ao seu paso. A súa afluencia é de 100/150 á hora e o seu causante é o cometa 109 P/swift-Tuttlem, que se fragmenta cada vez que a terra cruza a súa órbita.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.