O Concello de Nigrán ofrece este sábado un encontro coral con ‘Ecos do Castelo’, o conservatorio superior de música de Málaga e ‘Gli Appassionati’

Cada formación interpretará catro pezas, que van desde grandes clásicos a habaneras ou versións pop
Publicado por o día 11/02/2020 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán ofrece este sábado un encontro coral con ‘Ecos do Castelo’, o conservatorio superior de música de Málaga e ‘Gli Appassionati’

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 15 de febreiro desde as 20:00 horas no Auditorio Municipal un encontro entre os coros ‘Ecos do Castelo’ (Parada-Nigrán), o do Conservatorio Superior de Música de Málaga (sendo a primeira vez que este último se despraza da súa provincia) e, finalmente, Gli Appassionati (Vigo). Cada un interpretará catro pezas que van desde habaneras, a versións do pop ou grandes clásicos. A entrada é de balde ata completar aforo.

O coro ‘Ecos do Castelo’, dirixido por Manuel Carmona e pertencente ao CCD Bolos da Carrasca, en Nigrán, abrirá o encontro con ‘Meu amor é mariñeiro’, ‘Chuva de prata’, ‘Romance de lavandeira – costureiriña bonita’ e ‘Sapo cancionero’.

A continuación, o Coro do Conservatorio Superior de Música de Málaga, formado polo propio alumnado que cursa esta asignatura e dirixido por Ángeles Rozas, profesora na Cátedra de Dirección de Orquesta e Directora Titular da coral ‘Aída’ de Jaén, interpretará ‘Twinkle, Little Star’, The Seal Lullaby’, ‘Indiana nº1 Gala del Día’ e ‘En mi viejo San Juan’.

Finalmente, ‘Gli appassionati’, considerado unha das mellores formacións de España con 11 premios nacionais que así o avalan, interpretará ‘Media Vita’, ‘Sleep my child’, ‘Hodie natus Christus est’ e ‘Yesterday’. Gli Appassionati nace no ano 2012 da man da mezzosoprano Nuria Lorenzo. Este é un coro integrado por mozos apaixonados polo canto e a música en xeral e representa a consolidación dun esforzo por crear unha formación vocal de gran calidade.