O Concello de Nigrán presenta no Valmiñor Fest a cervexa de barril ‘Nigrán, equilibrio natural’

A firma local Trisk-Ale comercializa desde hoxe no festival e en diversos locais de hostalaría a cervexa promocional do municipio en fomato ‘caña’ tras elaborar os primeiros 500 litros de barril
Publicado por o día 21/08/2020 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán presenta no Valmiñor Fest a cervexa de barril ‘Nigrán, equilibrio natural’

O Concello de Nigrán engade a cervexa ‘Nigrán, equilibrio natural’ ao formato de caña presentando hoxe os seus primeiros barrís na feira ValMiñor Fest que se desenvolve ata o domingo na Alameda de A Ramallosa. Os primeiros en degustala foron este mediodía os músicos locais que participan no ValMiñor Fest (Grooving Folks, Swing du Monde e Blue Monk) xunto ao alcalde e o equipo de goberno. A firma miñorana de cervexas ‘Trisk-ale’, fundada polos nigraneses Andrés e Roberto Toledano, sacou ao mercado a botella a primeiros de xullo e, con motivo desta feira adicada á cervexa artesanal, lanza agora os primeiros 500 litros de barril. Os asistentes poderán degustala a un prezo de 2,50 € (tanto en caña como en botella) subliñando desde a organización que, por cuestións de seguridade sanitaria, esta edición será con aforo limitado, control de temperatura, mesas mantendo distancias, obrigatoriedade de empregar máscara…

«Nigrán ten equilibrio natural. A hipnótica cor brillante dos solpores ámbar de Monteferro, o son fuxitivo da escuma das ondas rachando embravecidas en Patos ou o fascinante recendo floral ao camiñar por carreiros forestais máxicos. Vivencias ledas e sensacións de agradábel frescor son a esencia desta cervexa, o demais é para descubrir paseniñamente, gozando de cada un dos sorbos que ofrece Nigrán». Así reza nun pequeno texto a etiqueta da botella deseñada por Olalla Fernández. Consecuentemente, e encaixando á perfección nesta descrición, trátase dunha cervexa rubia, con cor dourado claro, vidrada e brillante, escuma crema densa e consistente e aroma a malta equilibrada con lúpulo de carácter floral e cítrico, o que outorga ese retrogusto; ten corpo e o seu paso por boca resulta sedoso e, por elo, fácil de beber; adicionalmente, os sabores a maltas recordan ao pan e o lúpulo outorga un amargor suave con notas a mandarina.

«Queremos promover Nigrán como o que é, un lugar onde podemos presumir de equilibrio natural, e consideramos que un dos xeitos de facelo é a través precisamente da cervexa elaborada polos irmás Toledano, veciños de Patos. Agora Nigrán tamén ten o seu propio sabor», resume o alcalde, Juan González.

«Estamos moi satisfeitos co resultado final porque consideramos que a elaboración resume o que é Nigrán desde o punto de vista paisaxístico, un municipio onde non hai que elixir entre praia ou montaña para gozar da natureza; e tamén porque contén o carácter dunha localidade hospitalaria onde ninguén se sinte de fora nin queda excluído», inciden Andrés e Roberto Toledano, quen están a traballar xa en remesas da cervexa ante o éxito que está a colleitar.

Cervexas TRISK-ALE, naceu hai 8 anos en Nigrán e, aínda que por necesidades de produción actualmente elaboran en toda Galicia, a base de operacións mantense na localidade, concentrando na comarca o seu maior esforzo ao querer seguir mantendo o concepto de produto de cercanía. Contan con 6 referencias no mercado e dispoñen dun local especializado en Baiona (La Micro), onde serven as súas cervexas directamente aos clientes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.