O Concello de Nigrán realizará alegacións ao plan de transporte da Xunta ante a eliminación de frecuencias Vigo-Baiona e a desatención do interior

O alcalde de Nigrán reuníuse esta tarde cos seus homólogos de Baiona e Gondomar para analizar o anteproxecto presentado pola Xunta para o Val Miñor
Publicado por o día 08/08/2019 na sección de Baiona,Galicia,Gondomar,Nigrán,Vigo

O Concello de Nigrán realizará alegacións ao plan de transporte da Xunta ante a eliminación de frecuencias Vigo-Baiona e a desatención do interior

O Concello de Nigrán presentará alegacións ao anteproxecto de explotación do Plan de Transporte Público de Galicia 2020 ao comprobar que no municipio se suprimen frecuencias da liña Vigo-Baiona/Baiona-Vigo tanto por Panxón como pola estrada xeral (PO-552) e se desatente novamente ao interior. Precisamente, co obxectivo de analizar a situación xeral no Val Miñor ante a finalización das concesións o próximo ano, os tres alcaldes manterán esta tarde un encontro no que consensuar demandas.

“Valoramos que se creen novas rutas que conectan co hospital Álvaro Cunqueiro ou co CUVI, pero non pode ser a costa de suprimir as frecuencias existentes actualmente Vigo/Baiona, iso non é mellorar o servizo, é só redistribuír”, lamenta o alcalde, Juan González, quen anuncia que o Concello presentará alegacións neste sentido (o prazo remata o 23 de agosto). Deste

xeito, o goberno local demanda á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta que se manteñan as conexións e frecuencias existentes tanto pola costa como pola estrada xeral e que, a maiores, se creen novos itinerarios con máis frecuencias das plantexadas no anteproxecto que de verdade den servizo aos núcleos non urbanos. “Establécese unha liña Chandebrito-San Roque de Camos-Nigrán que é moi necesaria socialmente para vertebrar o municipio, sen embargo, tan só pasa unha vez ao día, co cal non ten operatividade ningunha”, considera González, quen critica que, ademáis, este tipo de liñas secundarias se plantexen ‘a demanda’ e con horarios “caóticos” ou sucendan “sinsentidos como ampliar a frecuencia ao CUVI en fin de semana”. “As escasas frecuencias que a Xunta pon nas liñas que atravesarían as parroquias do interior unido a que sexan baixo demanda significa que non apostan en absoluto por elas e que non terán duración no tempo porque é imposible que funcionen”, critica o rexedor.

“A futura concesionaria do transporte vai sacar moito beneficio da liña a Vigo pola estrada xeral e pola costa, así que parte deses cartos teñen que recaer na verdadeira conexión polas parroquias do interior, onde aínda que o servizo non resulte rendable económicamente si é imprescindible socialmente; parroquias como Chandebrito, Camos ou Parada non poden seguir ailladas en pleno século XXI”, valora.

Por outra banda, dende o Concello de Nigrán lamentan que non se tivese en consideración a súa petición de que exista conexión de transporte público co parque empresarial Porto do Molle, espazo que acolle actualmente a máis de 3.000 traballadores e que tendo bandeira a sostibilidade so é accesible mediante vehículo privado, “este punto tamén o deben modificar para dar servizo”, incide o rexedor.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.