O Concello de Nigrán saca a licitación a construción da parte restante da nova biblioteca municipal cun orzamento de 1,3 Millóns de euros

As empresas dispoñen ata o 16 de marzo para presentar as súas ofertas. A parte sen executar da obra tivo que saír novamente a concurso tralo cese da anterior adxudicataria
Publicado por o día 26/02/2020 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán saca a licitación a construción da parte restante da nova biblioteca municipal cun orzamento de 1,3 Millóns de euros

O Concello de Nigrán sacou onte a licitación os traballos non executados da construción da biblioteca municipal por un orzamento base de 1.352.088 € (IVE incluído), tendo as empresas ata o 16 de marzo para presentar as súas ofertas. As bases están a disposición dos interesados na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia e a través do Perfil do Contratante da web do Concello de Nigrán. As obras desta edificación están avanzadas nun 40% (calcúlase en preto de 400.000 € a execución material) tras ser adxudicada en agosto do 2018 por importe de 1.060.000 de euros más IVA e cesar a empresa a súa actividade, polo que agora saen a concurso todos os traballos non realizados cun orzamento base proporcional.

O proxecto será financiado nun 80% pola Deputación de Pontevedra a través dunha subvención destinada á mellora de equipamentos, servizos ou dotacións singulares para municipios de menos de 20.000 habitantes e o Concello asumirá o 20% restante. Ante o cese da anterior empresa adxudicataria e o retraso que esto conlevou na súa execución, o Concello ten pedido á Deputación unha prórroga da data máxima de finalización (plantexada en xuño deste ano).

Así, tal e como xa se anunciara, o novo edificio se plantexa nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, frente a rúa do Panasco) nun lugar fácilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construcción xenera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa a entrada por planta baixa.

O proxecto contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m(a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

Cun deseño minimalista na que a fachada se plantexa de granito silvestre e cunha planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, consta de catro andares sen sótano. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na pranta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.