O Concello de Nigrán substitúe os báculos e a iluminación dunha quincena de farolas da Avenida de Portugal

Publicado por o día 26/02/2020 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán substitúe os báculos e a iluminación dunha quincena de farolas da Avenida de Portugal

O Concello de Nigrán ven de substituír os báculos e a iluminación dunha quincena de farolas da Avenida de Portugal ata a rotonda de A Ramallosa, empregando agora tecnoloxía LED. As antigas luminarias de vapor de sodio foron cambiadas por esta nova tecnoloxía e, asimesmo, tamén foron renovados os fustes das farolas, nos que se inseríu o escudo do Concello de Nigrán en aceiro. O troco, ademais de mellorar a calidade da iluminación, permite reducir a potencia de consumo de 22,36 kWh a 8,6 kWh e multiplicar exponencialmente a súa vida útil, co conseguinte aforro económico.

Este cambio súmase aos realizados anteriormente no centro da Ramallosa (contorna de Manuel Lemos, resto da Avda. Portugal e Torrente Ballester), Panxón, centro de Nigrán, Chandebrito… O obxectivo é mellorar a eficiencia enerxética e a calidade ambiental, xa que as luminarias de vapor de sodio ocasionan problemas ao ter sobrepasado o fin da súa vida útil, afectando ao seu rendemento, calidade e consumo e supoñendo isto un aumento das emisións de CO2. Neste sentido, o goberno de Nigrán considera prioritarias as substitucións nos núcleos urbanos con gran afluencia de peóns e circulación vial.

“O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio”, indica Juan González, alcalde de Nigrán. De feito, as aubstitucións permiten reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.