O Concello de Nigrán traslada ao fin de semana do 29 e 30 de agosto os concertos de Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro en sesión solpor e matinal

Monteferro é un deses paraísos onde as veces veño a tocar, pero na intimidade, só para min e para a natureza (…) Cumprirei o soño de compartir esas experiencias cos meus amigos músicos e co noso querido público”, sinala Carlos Núñez, quen promete dous concertos únicos e cargados de emoción
Publicado por o día 20/08/2020 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán traslada ao fin de semana do 29 e 30 de agosto os concertos de Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro en sesión solpor e matinal

O Concello de Nigrán porá o colofón final a súa programación especial de verán ‘Nigrán, equilibrio natural’ con dous concertos estelares de Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro o sábado 29 de agosto ás 20:00 horas e o domingo 30 de agosto ás 11:00. Ambos forman parte da súa xira ‘Lugares Máxicos’ e do circuíto Cultura no Camiño, e estaba previsto que se celebrasen o 15 e 16 de agosto pero tiveron que ser adiados por mor da choiva. Agora, ante a boa previsión climatolóxica, Concello e empresa organizadora acordaron estas novas datas manténdose a validez das entradas para as sesións correspondentes do solpor (as do día 15 ás 20:30 serían agora para o día 29 de agosto ás 20:00 horas) e matinal (as do día 16 ás 10:30 serían para o 30 de agosto ás 11:00); igualmente, os que o desexen poden cancelalas e obter o rembolso dos cartos a través de Ataquilla, onde mañá se porán á venda as que puidesen quedar dispoñibles a un prezo de 20 €.

Como xa se anunciara, serán uns eventos cun aforo moi reducido por mor das circunstancias sanitarias e polo propio espírito destes concertos nos que o músico galego busca unha especial sinerxia entre o público e a natureza ao facelos coincidir co momento do solpor e da saída do sol.

“Estamos moi orgullosos de pechar o verán con Carlos Núñez en Nigrán e precisamente no miradoiro de Monteferro, xuntamos ao mellor gaiteiro do mundo no que nos consideramos o mellor escenario do mundo, desta unión só pode saír maxia”, incide o alcalde, Juan González.

“Monteferro é un deses paraísos onde as veces veño a tocar, pero na intimidade, só para min e para a natureza. Porque ten un dos solpores mais impresionantes do mundo. A diferencia cos de lugares como Bahía, Rio de Janeiro, ou California é que, mentres que alí a xente aplaude como se o sol e a terra ofrecesen un show, nós cecais sentímos ese intre como unha cerimonia. Según os nosos arqueólogos, os antigos habitantes de Monteferro e dos castros da costa de Galicia xa sabían moito de todas estas cousas…. É todo un santuario frente ao mar que garda mensaxes milenarias debuxadas nas súas pedras, os seus petroglifos falan de historias fascinantes tan variadas que van dende a coroación dun rei na prehistoria, ate ritos de fecundidade. Agunhas das formas daquelas cerimonias perviviron nas nosas músicas, que sobreviviron a través da tradición, como as alboradas, que evocaremos no concerto matinal”, indica o propio Carlos Núñez en referencia a sendos eventos. “Cumprirei o soño de compartir esas experiencias cos meus amigos músicos e co noso querido público. Seremos unha gran familia!”, finaliza o gaiteiro internacional, que ten tocado en lugares tan singulares nesta xira ‘Lugares Máxicos’ como o Mosteiro de Oseira, o Dolmen de Dombate ou a Catedral de Mondoñedo.

Espazo singular e seguridade

Co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comunión coa contorna. Tampouco se disporá de W.C.

O Concerto seguirá rigorosamente todas as medidas de seguridade Covid-19, con distanciamento entre asistentes non conviventes, direccións de entrada e saída diferentes, uso obrigatorios de máscaras… Recomendando a organización encarecidamente chegar ao concerto con antelación suficiente para evitar calquera aglomeración, polo que o recinto estará aberto desde unha hora antes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.