O Concello de Ponte Caldelas, a Xunta e os praceiros locais súmanse á campaña ‘Quere o teu mercado’

A promoción desenvólvese ata finais deste mes e inclúe o reparto de agasallos entre os clientes, así como vales para a Festa da Troita
Publicado por o día 24/05/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas, a Xunta e os praceiros locais súmanse á campaña ‘Quere o teu mercado’

Mercar na Praza de Abastos de Ponte Caldelas ten premio durante este mes. O Concello, a Dirección Xeral de Comercio e os praceiros colaboran na campaña “Quere o teu mercado”, que forma parte do movemento internacional “Love your local market”.

A campaña inclúe material promocional para engalanar o edificio, como bandeirolas e cartelería, así como mandilóns especiais para os praceiros, que este ano son distintos para os postos de venda de peixe e os demais. Aos clientes están reservados agasallos como globos, piruletas ou bolsas da compra.

O Concello de Ponte Caldelas volveu decidir reforzar a campaña co aliciente da entrega de vales para racións durante a Festa da Troita, que se celebra esta próxima fin de semana. Os vales serán entregados ás persoas que realicen compras superiores aos 30 euros.

O alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro José Manuel Martínez compartiron tempo cos praceiros para presentar esta campaña, que axuda a sacar adiante un mes que non é especialmente forte en ventas.

Un total de 90 mercados galegos están a participar nesta iniciativa, que continuará ata o remate deste mes.

O Goberno local caldelán, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, considera importante o apoio ao comercio local e valora a calidade do servizo e a atención que se presta na Praza de Abastos, polo que non dubida en apoiar este tipo de campañas e en escoitar sempre as peticións e suxestións do colectivo de praceiros.