O Concello de Ponte Caldelas abre os cursos de natación aos adultos

O prazo para inscribirse na actividade, que comezou o ano pasado exclusivamente para nenos/as, ábrese o luns
Publicado por o día 18/09/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas abre os cursos de natación aos adultos

A actividade de iniciación á natación, promovida polo Concello de Ponte Caldelas e pensada para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, amplíase este ano tamén aos adultos. O prazo para inscribirse ábrese entre este luns, día 24, e o venres, 28.

O Goberno local, formado polos grupos de PSdeG-PSOE, AVP e BNG, puxo en  marcha a  actividade o ano pasado. Recolleu así o sentir de moitas familias que demandaban unha oferta deste  tipo, toda vez que só dispoñían da oferta impulsada polas ANPA, na que non estaba incluído o transporte ata Pontevedra. O Concello decidiu facilitar un autobús de xeito gratuíto ao complexo deportivo Rías do Sur.

Ofértanse, ao igual que o ano pasado, un total  de 50 prazas dispoñibles. As familias beneficiarias gozarán así do curso co único custo do abono trimestral á piscina. Os nenos pagarán en torno a 30 euros ao trimestre e os adultos uns 53 euros por trimestre. O horario mantense: todos os martes dende as 17.15 horas ás 18.00 horas.

O Concello proporciona tamén servizo de acompañante para os menores, ao obxecto de que os proxenitores podan estar tranquilos. Non obstante, xa o ano pasado comprobouse que algunhas nais e pais solicitaron a posibilidade de acompañar aos seus fillos e, unha vez na piscina, poder gozar tamén dun curso específico para maiores. O Goberno local decidiu atender a suxestión.

O Goberno local caldelán  aposta con claridade polo ensino público, dado que ademais deste  tipo de actividades encamiñadas a mellorar a  conciliación familiar e laboral, mantén as axudas directas á comunidade educativa (tanto ás ANPA como aos centros), que se dobraron ao longo deste mandato municipal.