O Concello de Ponte Caldelas e a Subdelegación do Goberno organizarán un partido de fútbol feminino

O Goberno local lamenta que unha asociación vinculada ao PP intentara atribuírse o evento
Publicado por o día 10/10/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas e a Subdelegación do Goberno organizarán un partido de fútbol feminino

Diante do  comunicado difundido hoxe por unha asociación afín ao Partido Popular de Ponte Caldelas, o Concello de Ponte Caldelas fai saber o seguinte:

Que tivo coñecemento onte do anuncio da celebración  dun partido de fútbol feminino entre un equipo de  mullees  da Garda Civil e o equipo feminino da SCD Ponte Caldelas.  O cartel  anunciador incluía  o logotipo do Concello de Ponte Caldelas e se anunciaba a celebración no campo municipal de Chan da Barcia.

Ninguén se dirixiu ao Concello para anunciarllo, nin para pedir autorización para utilizar unha instalación municipal.

O alcalde, en conversa coa subdelegada  do Goberno, comprobou que tampouco ela tiña coñecemento de  tal circunstancia,  así como  tampouco tiña autorizado a utilización dos  logotipos da Subdelegación do Goberno.

Aínda máis, nin sequera o presidente da SCD Ponte Caldelas tiña coñecemento algún deste  suposto evento.

Segundo o cartel  distribuído aparecía como organizadora unha asociación que xa é reincidente en anunciar eventos en Ponte Caldelas, supostamente auspiciados polo Concello sen solicitar autorización previa nin comunicalo. A asociación ten  claros vínculos co Partido Popular de Ponte Caldelas.

A Garda Civil, a través  dun mando da Comandancia, solicitou esta mañá  unha entrevista  para  aclarar a  situación. Segundo as  explicacións recibidas, anteriormente tiña colaborado nun acto  solidario con esta asociación caldelá. Así que, de boa fe, “fiouse” da información e dos datos  que lle proporcionaron para  a celebración do partido. Recalcou que a iniciativa  do partido é da Garda Civil, e non da asociación partidista, no marco dos actos de aniversario pola incorporación da muller  á Benemérita.

O Goberno local  de Ponte Caldelas  (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) despois de escoitar estas explicacións está encantado de colaborar como sempre  fixo coa Garda Civil, coa que mantén excelentes relacións. Así que, tralas  conversas mantidas esta mesma tarde coa  subdelegada do Goberno, decidiu organizar directamente, o partido xunto coa Subdelegación e a Comandancia.  A data elixida será anunciada próximamente.

Esta novidade tamén foi comunicada esta  mesma tarde ao presidente da SCD Ponte Caldelas, que conta  con equipo feminino dende hai dúas temporadas gracias a  un patrocinio específico do Concello.