O Concello de Ponte Caldelas estrea WiFi gratuíta na praza de España

O servizo, que require dun enderezo electrónico hábil, inclúe un filtro de contidos para previr usos inadecuados
Publicado por o día 11/04/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas estrea WiFi gratuíta na praza de España

A praza de España e a Alameda de Ponte Caldelas dan un paso máis como espazo tecnolóxico urbano gracias á posta en marcha do novo servizo de WiFi gratuíta municipal PONTE CALDELAS ESTÁ DE MODA!, que arranca este venres.

O Concello está rematando a instalación dos puntos de acceso e acenderá a nova WiFi mañá venres. O servizo contará cun hardware específico para filtrar contidos e evitar páxinas ou portais con contidos inadecuados e/ou perigosos. Deste xeito garántese un uso responsable. O equipo a instalar programarase tendo especialmente en conta a posibilidade de acceso por parte de menores de idade.

A nova WiFi súmase á aposta tecnolóxica que xa chegou coa inclusión de cargadores USB para móbiles nos bancos da praza, unha novidade que o Concello introduciu no deseño do mobiliario urbano deste espazo emblemático da Vila. Un novo servizo que ven complementar tamén a WiFi gratuíta que xa está operativa dende hai case dous anos na Casa da Cultura.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) apostou por unha conectividade á rede PONTE CALDELAS ESTÁ DE MODA! aberta a calquera tipo de dispositivo, sexa ordenador, teléfono móbil ou tableta. Tamén será compatible con tódolos sistemas operativos como Windows, IOS, Androis, Linux, etcétera.

O funcionamento é sinxelo, pois ao conectarse aparecerá o portal cautivo, onde será necesario ler e aceptar as condicións de uso. Deseguido será necesario introducir un enderezo electrónico, nome e apelidos. O usuario deberá conectarse cliclando nun enlace, co texto “Click here”, no correo que recibirá no seu enderezo.

Só se permitirá unha conexión diaria e cunha duración máxima dunha hora. O ancho de banda pode chegar ata 5 megas ao segundo, en función do número de usuarios conectados, tendo en conta que o ancho total contratado polo Concello é de 350 megas, o que garante unha ampla funcionalidade.