O Concello de Ponte Caldelas felicita a Educación polos avances sobre o comedor do colexio da Reigosa

Acolle con satisfacción a proposta de cofinanciar ao 50% un equipamento que vén reclamando con insistencia
Por o 18/01/2019 | Sección: Galicia,Ponte Caldelas
O Concello de Ponte Caldelas felicita a Educación polos avances sobre o comedor do colexio da Reigosa
Compartir en:

O Goberno local de Ponte Caldelas celebra o anuncio por parte da Consellería de Educación da súa disposición a dotar ao colexio da Reigosa dun comedor escolar, unha demanda histórica e que se vén reclamando con especial insistencia ao longo dos tres anos e medio do actual mandato municipal sen, ata o de agora, atopar acollida favorable na Administración autonómica.

O Concello de Ponte Caldelas aprobou varias mocións plenarias sobre este asunto, a última delas mesmo ofrecendo o financiamento do Concello, recibindo sempre o silencio ou a resposta negativa do departamento de Educación da Xunta de Galicia.

Sen embargo, nunha xuntanza celebrada onte entre a ANPA do colexio da Reigosa, presidida por María Argibay, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, este comunicou o cambio de postura polo que a Xunta de Galicia amósase disposta a construír o comedor e pedirá ao Concello a sinatura dun convenio para que achegue o 50% dun investimento valorado nuns 50.000 euros.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) acolle con satisfacción esta proposta e, aínda coas escasas posibilidades económicas do Concello anticipa a súa predisposición favorable. Máis aínda, anima á Consellería de Educación a avanzar tamén na construción dun ximnasio axeitado, que substitúa ao actual espazo, dado que non reúne as mínimas condicións.

O equipo municipal, que dirixe o alcalde Andrés Díaz, lembra que mesmo chegou a facer un proxecto técnico para a construción dun novo ximnasio, incluíndo un espazo para comedor que foi rexeitado por Educación. A continuación ofreceuse a construír directamente o comedor e, finalmente, apoiou publicamente a campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma Change.org iniciada pola ANPA “A Fracha” da Reigosa.

Dende o Concello sempre se defendeu que este colexio, pola súa situación a carón dos polígonos da Reigosa e do Campiño, resultaría unha alternativa de escolarización excelente, en aras á conciliación da vida laboral e familiar, se se potenciasen as súas instalacións con estes dous servizos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.