O Concello de Ponte Caldelas organiza un ciclo de Musicoterapia polas parroquias do rural

O experto cubano Pedro Campos realizará 10 actuacións, centradas en mellorar o estado de ánimo e potenciar as relacións interpersoais
📣 Publicado por el 19/09/2018 en la sección de Galicia - Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas organiza un ciclo de Musicoterapia polas parroquias do rural

A veciñanza do rural de Ponte Caldelas é protagonista nunha nova actividade emprendida polo Concello e que levará a Musicoterapia como fórmula para traballar o estado anímico e a integración social. A actividade comeza este mesmo venres na Casa do Pobo de Anceu e viaxará polo territorio municipal ata o próximo mes de decembro cun total de 10 sesións.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) destaca o seu interese por organizar actividades no rural como fórmula de dinamizar á poboación e establecer dinámicas de relación entre os veciños, especialmente entre os maiores. Unha actividade que encaixa noutras iniciativas municipais xa clásicas como a festa da troita polas parroquias ou o programa Caldelas Viaxa.

As sesións de Musicoterapia estarán a cargo do músico e terapeuta cubano Pedro Campos Acosta, un especialista nesta materia que xa estivo en Ponte Caldelas o pasado mes de novembro no marco do congreso Territorio Felicidade, co que se recadaron fondos para os afectados polos lumes  de outubro. A iniciativa conta co patrocinio do Servizo de Igualdade da Deputación Provincial a través do programa “Eu tomo parte”.

As 10 sesións previstas celebraranse nas casas do pobo de Anceu, A Insua, Xustáns, Forzáns, Tourón, Ponte Caldelas, Barbudo, Regodobargo, Cuñas e Vilarchán, sempre coincidindo en venres e entre as 19.30 horas e as 21.00 horas.

O termo Musicoterapia refírese ao uso da música para promover a comunicación, as relacións, a aprendizaxe, o movemento, a expresión, organización e outros obxectivos terapéuticos relevantes, entre eles o tratamento dalgunhas enfermidades. A experiencia demostra que a interacción cun musicoterapeuta cualificado mellora as necesidades físicas e cognitivas e emocionais e, por tanto, potencia as funcións do individuo na súa vida persoal e social.