O Concello de Ponte Caldelas volve ofertar unha sesión de barranquismo no río Verdugo á súa veciñanza

Os saltos de auga na zona da Roca, onde adestra a Garda Civil de Montaña, volven ser protagonistas na promoción turística municipal
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas volve ofertar unha sesión de barranquismo no río Verdugo á súa veciñanza

Os saltos da Roca, augas abaixo do paso do río Verdugo polo núcleo urbano de Ponte Caldelas, volven ser protagonistas na promoción turística municipal. O Concello promociona este domingo, día 9, a actividade de barranquismo cunha xornada gratuíta aberta á veciñanza caldelá.

Repite así a fórmula estreada o pasado ano con gran  éxito, dado que significou un importante incremento no número de visitas a esta paraxe fluvial incomparable, na que adestra habitualmente a Garda Civil de Montaña para simular condicións de rescate.

As persoas interesadas en participar deben estar empadroadas en Ponte Caldelas e non padecer disfuncionalidade algunha que lles impida a práctica do barranquismo. Hai un total de 15 prazas dispoñibles e a participación será por rigorosa orde de inscrición. O prazo de solicitude está aberto entre hoxe luns e o próximo venres. As persoas interesadas deberán facer un depósito de 10 euros que se devolverá con posterioridade á sesión.

A xornada de barranquismo inclúe un percorrido de preto de tres quilómetros, dende a primeira represa de Laforet ata a altura da central hidroeléctrica. Un tramo de río realmente espectacular e dunha fermosura abraiante no que se combinan sectores “tranquilos” que se cobren a nado con outros nos que é preciso camiñar. O prato forte está no rapelado para salvar o desnivel dos tres grandes saltos de auga, o último cunha altura superior aos 10 metros. Toda a actividade está supervisada por monitores cualificados que garanten a seguridade e adestran, paso a paso, no uso do material.

Esta actividade desenvólvese de xeito regular ao longo de todo o ano, especialmente  durante o verán, por parte da empresa “Galaicaventura”, coa súa tarifa oficial. O servizo pode contratarse a través da web da empresa. O Concello colabora poñendo a disposición o pavillón municipal como punto de encontro e servizo de vestiario. A cambio obtén a dispoñibilidade dos monitores en xornadas de promoción gratuítas que se ofertan á veciñanza.