O concello de Ponteareas apoia ás familias con enfermos de Alzheimer

Por o 02/10/2018 | Sección: Galicia,Ponteareas
O concello de Ponteareas apoia ás familias con enfermos de Alzheimer

A concellería de Benestar Social, que dirixe Verónica Carrera, convida a toda a veciñanza a participar na conferencia “A enfermidade de Alzhéimer, a epidemia do século XXI” este xoves día 4 de outubro ás 19:00 horas.

A neuróloga do CHUVI María José Moreno falará no auditorio municipal de Ponteareas sobre a detección desta enfermidade, as súas causas, o seu tratamento e ofrecerá pautas ás familias afectadas.

O concello de Ponteareas colabora con AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras enfermidades mentais de Galicia) desenvolvendo o programa “Activa-Mente”, co que ofrece apoio e reforzo ás persoas con Alzheimer e as súas familias.

Grazas a esta colaboración, realízase unha dobre atención. Por unha banda, desenvólvense talleres de estimulación cognitiva e motriz, dirixidos ás persoas que sofren unha demencia ou manifestan problemas de memoria. E, doutra banda, AFAGA ofrece atención psicolóxica a familiares, asesoramento social, legal, cursos de formación e distintas terapias que axuden aos pacientes e ao seu entorno a convivir coa enfermidade e ralentizar o avance.

Para levar isto a cabo, todos os luns e mércores as/os profesionais de AFAGA achéganse a Ponteareas ás instalacións de Asprodico (situado en el Barrio Canedo) para atender aos enfermos de Alzheimer e traballar de xeito personalizado coa realización de distintos exercicios que tentar por freo a esta doenza.

A importancia do diagnóstico precoz

Desde Afaga e o Concello de Ponteareas resaltan a importancia do diagnóstico precoz para atrasar o avance da enfermidade. Por iso, O Concello pide a colaboración dos centros sanitarios e farmacias na difusión destes talleres e insiste na importancia da prevención e detección precoz en canto se atisven os primeiros síntomas ou sospeitas.

“A prevención é fundamental e acudir ao médico de cabeceira en canto aparezan as primeiras sospeitas é decisivo porque tratar a enfermidade nos seus primeiros estadios supón porlle freo á enfermidade”, explica a nacionalista Verónica Carrera.

As familias poderán consultar co departamento de Benestar Social os servizos que se ofrecen en canto a terapias e desprazamentos.

Todos os interesados e interesadas deberán chamar ao número de teléfono 986 22 97 97 ou nos Servizos Sociais do Concello de Ponteareas na rúa Oriente.

Comentar noticia

Your email address will not be published.