O Concello de Ponteareas saca a concurso o Servizo de Axuda no Fogar cun custo de 873.110,40 € ano

O servizo é deficitario porque a Xunta únicamente aporta o 63% do seu custo, 9,70 euros/hora cando o custo real supera os 15 euros/hora
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Galicia,Ponteareas

O Concello de Ponteareas saca a concurso o Servizo de Axuda no Fogar cun custo de 873.110,40 € ano

O Concello de Ponteareas sacará a concurso a continuidade na xestión do Servizo de Axuda no Fogar, que dende hai anos presta unha empresa privada, por un valor estimado de 5.038.398,00 euros por un período máximo de 5 anos, dous de contrato inicial e outros tres en prórrogas dun ano cada un.

O goberno local deu conta na Comisión Informativa de Benestar Social, Igualdade, Saúde e Consumo, que conta coa participación de todas as forzas políticas da Corporación, do expediente do procedemento da convocatoria para licitar o Servizo de Axuda no Fogar por dependencia pola cuantía indicada. Despois da súa previsíbel aprobación polo Pleno a celebrar o vindeiro martes, será publicado no Diario Oficial da Unión Europea xa que se trata dunha licitación “aberta e harmonizada”

As empresas interesadas na xestión do servizo terán a obriga de subrogar ás 40 auxiliares que prestan servizo na actualidade.

Na actualidade, segundo informa a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, o SAF por dependencia atende a 83 usuarios/as nun total de 4.000 horas, polo que a Xunta de Galicia aporta unha parte do custo da prestación do servizo (9,70 euros/hora).

Os/as usuarios/as aportan unha pequena porcentaxe do importe total, fixado pola normativa vixente e na que se consideran os ingresos de cada usurio/a. De media, cada usuario/a aporta 2,5 euros/hora, segundo aclara a concelleira de Benestar.

A maiores, o Concello conta co Servizo de Axuda no Fogar por libre concorrencia do que se asume íntegramente os custos, agás o copago que corresponde as/os usuarios/as. Este servizo municipal atende na actualidade a 54 usuarios/as.

A concelleira de Benestar, Verónica Carrera tamén aclarou que “a lei de Dependencia prevé a financiación dos servizos de dependencia entre o Estado e a Xunta de Galicia pero xa vemos que lle seguirá custando moitos cartos aos Concello”. A concelleira nacionalista explicou que a Xunta dalle ó Concello 9,70 euros por cada hora de atención a persoas dependentes mentres que o prezo que ten que pagar é superior aos 15 euros por hora.

“Cada mes, dunha media de 4.000 horas polas que a Xunta aporta 38.800 euros, o Concello ten que pagar 15.000, produce polo tanto un desfase anual de 180.000 euros ao ano ao que ten que facerlle fronte o Concello cos recursos propios, aínda que non debiamos ter que financiar este servizo”. Os usuarios abonan en conxunto un total de 8.000 euros ao mes.

No orzamento municipal para este ano 2021 resérvase a cuantía necesaria, así como o compromiso de habilitar o crédito para dar cobertura á prestación deste servizo nos vindeiros anos. “Agora o que procuramos é que a empresa que resulte adxudicataria garanta un bo funcionamento para as persoas usuarias e as propias traballadoras deste servizo.

Entre os criterios de adxudicación, recollidos nos pregos de licitación, serán puntuadas cun máximo de 28 puntos; as axudas técnicas e de enfermería; a mellor oferta económica, cun máximo de 15 puntos; e outros criterios avaliables cun máximo de 45 puntos, como a organización da xestión do servizo, os protocolos de intervención e o plan de formación do persoal, entre outros.