O Concello de Pontevedra insta á Xunta a elaborar un Plan de rescate económico dos sectores afectados pola Covid

O executivo Local aprobou esta proposta na que participarían as tres administracións: Xunta, deputacións e concellos, liderados pola Xunta, con carácter inmediato.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá un acordo que será remitido nas vindeiras horas á Xunta de Galicia. Propón á administración autonómica elaborar un plan de rescate dos sectores afectados pola Covid con carácter inmediato no que participen concellos, deputacións e lidere a Xunta. As achegas das administracións serían proporcionais aos seus ingresos.

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías explicou que “a terceira vaga é un feito. Na actualidade subimos contaxios, a situación é preocupante e é necesario traballar con solucións reais”. Confirmou que “a situación de determinados sectores é agónica e preocupante dende o punto de vista económico e tamén social”, por iso o Concello de Pontevedra propón a elaboración dun plan de rescate estrutural dos sectores máis afectados pola pandemia, no que participen todas as administracións: concellos, deputacións e Xunta de Galicia.

O Concello de Pontevedra entende que este plan de rescate ten que ser simple, cunhas bases consensuadas entre as administracións e liderado pola Xunta de Galicia porque nela recae a competencia.

Anabel Gulías indicou que debera ser un plan “inmediato” porque a situación así o obriga, e adiantou que a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) sería un bo interlocutor entre todas as partes implicadas.

Ao tempo, dende o Concello de Pontevedra esíxese que este Plan de rescate estea formado por achegas porcentualmente similares por parte de cada administración. A modo de exemplo, Anabel Gulías indicou que se a Xunta de Galicia achega o 1% do seu orzamento, deputacións e concellos farano en igual contía.

Tamén lembrou que até o de agora a Xunta de Galicia comprometeu 22 millóns de euros para os sectores máis afectados “o que supón o 0,19% do seu orzamento”, explicou. Cando por parte do Concello, as primeiras axudas Supera, dotadas con 1,2 millóns de euros, supuxo o 1,6% do orzamento global.

A portavoz do Goberno indicou que o Concello de Pontevedra está en disposición de acordar coa Xunta de Galicia a creación dese plan de rescate e non entrar a debater sobre a porcentaxe a achegar.

Mentres, o Goberno Local continúa a traballar nas axudas Supera21 tanto na elaboración das bases como no reforzo dos equipos que as tramitarán. A portavoz do Goberno adiantou que ao millón de euros incluído no orzamento de 2021 sumarase o sobrante das axudas Supera20, polo que a contía global superará os 1,5 millóns de euros.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM