O Concello de Pontevedra pon en marcha un sistema propio de xeorreferencia para todo o termo municipal

Reúne información sobre a cartografía municipal, catastro, distribución da poboación, rueiro e vías de comunicación, e puntos xeorreferenciados como composteiros, semáforos ou paradas de taxi
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Galicia,Pontevedra

O Concello de Pontevedra ultima un sistema propio de información xeográfica para todo o termo municipal que estará activo e a disposición do público desde a páxina web municipal nas vindeiras semanas. Nestes momentos ten xa rematado un prototipo funcional que reúne información relativa á cartografía municipal, catastro, distribución da poboación ou o rueiro e vías de comunicación. Tratase, segundo explicou a concelleira Anabel Gulías “dun traballo moi ambicioso” realizado desde diversos servizos municipais e coordinado polo departamento de Informática, e que permitirá “facer a nosa información municipal accesible para que todo o mundo poida empregala e sacarlle rendabilidade, garantindo rapidez e inmediatez”.

O técnico encargado de desenvolver o proxecto e que acompañou a Anabel Gulías na presentación, Santiago Pérez Agra explicou que este sistema combina tanto datos e información de fontes propias como doutras procedentes da comunidade de internet como por exemplo Open Street Maps, que no caso de Pontevedra ten identificadas e xeolocalizadas as sendas e vías peonís da cidade permitindo obter a ruta óptima de tránsito entre dous puntos da cidade. Ademais, informou que, unha vez posto a disposición do público, se seguirá traballando para “adaptalo ás necesidades que poidan ir xurdindo”.

Segundo explicou Santiago Pérez Agra, este sistema permite acceder a todo o rueiro da cidade e núcleos de poboación das parroquias, á información catastral ou mesmo a ‘mapas de calor’ que recollen a distribución e densidade da poboación. O detalle e información que ofrecen algunhas capas do sistema, como por exemplo a información sobre polígonos ou parcelas cos datos oficiais do catastro, cartografía, ubicación e foto, axilizará e facilitará o traballo de técnicos municipais e de profesionais e empresas ligadas a disciplinas como a enxeñeiría, a arquitectura ou a topografía. Neste sentido, Anabel Gulías lembrou que este proxecto se enmarca “no proceso de modernización da Administración local, que ten como obxectivo final mellorar o traballo dos técnicos para
que redunde nunha mellora para toda a veciñanza”.

Tamén permite acceder a diferente información xeorreferenciada da cidade como composteiros, semáforos, paradas de taxi, lombos e redutores de velocidade, a liña de autobuses ou o trazado do Camiño de Santiago. De cara a o futuro está previsto que se incrementen os puntos xeoreferenciados e se inclúan equipamentos como por exemplo os parques infantís ou os centros de ensino.

As persoas usuarias deste sistema tamén poderán percorrer as vías e as sendas da cidade a través das fotografías 360º realizadas no ano 2018 ao abeiro dun proxecto no que se fotografou toda a cidade desde un vehículo. Por último, tamén permite comparar os cambios no tempo da cidade a partires dunha fotografía aérea do voo americano de mediados da década 1950, e comprobar a súa evolución ata a actualidade.