O Concello de Redondela divulga a sensibilización medioambiental nos colexios

O programa desenvolvido pola Concellería de Medio Ambiente leva 3 anos impartindo charlas e talleres para motivar un trato responsable ao entorno
Por o 11/03/2019 | Sección: Galicia,Redondela
O Concello de Redondela divulga a sensibilización medioambiental nos colexios

O departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela iniciou o pasado mes de outubro por terceira vez consecutiva unha tempada de charlas nos centros de ensino, enmarcadas dentro da iniciativa municipal de achegar a concienciación e sensibilización ambiental aos máis novos.

As charlas serán impartidas polo axente de medio ambiente do Concello, presentando este ano dúas novas temáticas:

* A auga, o uso sostible dun recurso esencial e esgotable.

* O rural: pasado, presente e futuro.

As isto súmanse as temáticas xa tratadas:

* Reciclaxe e compostaxe.

* A pegada ecolóxica na sociedade actual.

A maiores este ano os contidos adaptáronse a cursos de educación primaria e infantil, dado o interese destes niveis na realización de charlas relacionadas coa compostaxe e a creación de hortas ecolóxicas nos propios centros escolares.

Estas charlas, como as de anos anteriores, están enfocadas desde unha perspectiva didáctica de educación aberta, participativa e non regrada, fuxindo do academicismo, na que a participación e o feedback co alumnado é constante e preciso , promovendo a reflexión sobre as causas e efectos do deterioro ambiental, así como sobre a nosa posibilidade de incidir neses factores.

Desde o departamento de Medio Ambiente sinalan que “é fundamental achegar este tipo de temáticas ás escolas como ferramenta de transmisión para ir mudando de hábitos e acadar unha maior concienciación e sensibilización ambiental das novas xeracións”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.