O concello de Redondela estrea a obra de teatro Saaabor!

Por o 11/10/2018 | Sección: Galicia,Redondela
O concello de Redondela estrea a obra de teatro Saaabor!

Este próximo domingo día 14, no auditorio do multiuos Piñeiral do Crego en Chapela, represéntase a obra de teatro Saaabor, da compañía multidisciplinar Culturactiva.

A hora de comezo está prevista para as 18:00 horas.

Será unha sesión de teatro para toda a familia, xa que desde a concellería se aposta por introducir actividades que poidan ser gozadas por todas as idades, e achegar a Chapela tamén propostas de programación nesta tempada de outono.

A obra Saaabor! é un espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo.

Os protagonistas convértense en dous recoñecidos chefs que nos ofrecen pratos para todos os gustos: desde a comida máis práctica e sinxela, ata a máis elaborada, sen esquecer viño e sobremesa, elaborando un saboroso menú para toda a familia.

Culturactiva SCG presenta a Félix Rodríguez e a Fran Rei en Saaabor!, unha proposta para todos os públicos, de creación propia e dirixida por Avelino González.

Félix Rodríguez é un actor e músico con ampla traxectoria escénica en compañías como Odaiko, Píscore e Trío Refugallo, que nesta ocasión compleméntase perfectamente con Fran Rei, cómico que participou en máis de 20 montaxes con compañías como Vos Sete Magníficos máis Un, Pallasos en Rebeldía ou Acontrabutaca. Xuntos crearon este espectáculo, unha receita chea de sabor que fará as delicias dos padais máis esixentes.

A entrada é gratuíta e ata completar o aforamento. As entradas poden pasar a recollerse na mesma tarde do espectáculo desde dúas horas antes do inicio do mesmo.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.